
Lentes violetas de igualdade para a educación non formal
Moitas das formas de mirar fómolas asumindo de xeito inconsciente ao longo da nosa socialización neste presente e neste lugar. Con todo, tamén podemos aprender a ollar ao noso arredor de xeito diferente. Podemos educar a mirada.
Por iso re-lanzamos o proxecto “Lentes Violetas”. Lentes que serven para percibir estereotipos sexistas, discriminacións por razón de xénero e/ou orientación sexual, microviolencias, machismos do día a día, cosificacións e un longo etcétera.
As diferentes actividades que propoñemos buscan darlle forma a estas lentes, para que, aínda que haxa tantos xeitos distintos de lentes coma persoas participen nelas, todas e todos poidan construír a súa mirada consciente ante as desigualdades de xénero e as violencias que as sosteñen.

O proxecto conta con diferentes liñas de acción enfocadas á educación non formal e á igualdade e está subvencionado pola Deputación da Coruña.
Lentes violetas para entidades socio-educativas e de tempo libre
Laboratorio de asembleas feministas e de espazos de masculinidades disidentes
Curso básico de educación non formal con lentes violetas
Curso avanzado de educación non formal con lentes violetas
Mapa dos recursos violetas da contorna para educar en igualdade
Guía para elaborar plans de igualdade en entidades socioeducativas
Lentes violetas para entidades socio-educativas e de tempo libre
Traballamos con entidades socio-educativas e de tempo libre en tres eixos:
- Análise de realidade e necesidades: colaboramos coas entidades para medir a súa saúde en igualdade de xénero a través dunha ferramenta de auto-diagnose, e establecemos áreas prioritarias de intervención.
- Desenvolvemento da formación: as entidades escollen pílulas formativas para educadoras/es e monitorado e nós adaptámolas á súa realidade e desenvolvémolas. Entre as pílulas ofrecidas, contamos con:
- Formación básica: introdución á perspectiva de xénero
- Gamificación e metodoloxías adaptadas para o traballo en xénero
- A perspectiva de xénero dende a práctica cotiá
- Educación dende a perspectiva queer
- Enfoque de xénero das dinámicas organizativas.
- Mediación con perspectiva de xénero.
- Asembleas feministas e espazos de masculinidade disidente.
- Posta en práctica no marco da propia entidade: desenvolvemos unha actividade para as usuarias. Se queren, facémolo xuntas, cooperando na súa execución. Entre os obradoiros ofrecidos, contamos con:
- Cambiarmos o conto
- Falarmos bonito
- Misterio no Reino Encantado
- Símbolos na Noite Escura
- Perrear con lentes violetas
- Porno-sotrxs
- Amores que molan
- Men can do it
- As mozas son guerreiras
- Corresponsabilidade
É totalmente gratuíto, así que se pertences a unha empresa, asociación ou colectivo de educación non formal e tes interese, non dubides en poñerte en contacto con nós
Laboratorio de asembleas feministas e de espazos de masculinidades disidentes
Con esta nova liña de acción buscamos formar a profesionais da educación formal ou non formal e acompañar a creación de pequenos grupos estables de rapazada nos que analizar as desigualdades na súa vida cotiá e xerar prácticas e discursos transformadores. O obxectivo é que as persoas participantes poidan ser axentes de creación de sentido común feminista nas entidades das que participan, nos seus centros educativos e cos seus grupos de iguais.
Ofertámosvos unha formación presencial de dúas horas na que abordaremos: pautas básicas de participación asemblearia, comunicación non violenta e dinamización, bebendo para todo isto da facilitación de grupos e a mediación. Tamén vos facilitaremos unha recompilación de recursos aos que poderedes recorrer para desenvolver as asembleas e tamén profundar na vosa perspectiva de xénero.
Teredes un tempiño para organizarvos como grupo e estableceremos unhas datas e horarios, en función das vosas necesidades (pode ser en horario extraescolar, en fin de semana ou incluso nos recreos), para que poidamos acompañarvos na preparación e desenvolvemento das tres primeiras asembleas. Podedes escoller formar un grupo feminista no que participen rapazas e rapaces, un espazo só de rapaces para traballar na construción de masculinidades libres de machismo ou ter un grupo de rapazas e/ou rapaces que periodicamente se reúne en grupos non mixtos para traballar atendendo a necesidades específicas.
Finalmente deixarémosvos voar libres e construír o voso propio camiño, pero ate que remate decembro estaremos á vosa disposición para facer unha última videotitoría por se queredes aclarar dúbidas ou simplemente contarnos como vai a vosa andaina.
Cursos: Educación non formal con lentes violetas
Tras o éxito das pasadas edicións, este 2023 convocaremos o V curso de igualdade “A educación non formal con lentes violetas”, unha formación que profunda na cuestión de xénero na educación non formal, achegándonos a novas perspectivas para gañar en ferramentas e en sentido crítico. Terá lugar os días 24, 25 e 26 de novembro no Albergue Abeiro da Loba.
Este ano, ademais, celebraremos tamén unha convocatoria avanzada, que terá lugar os días 15, 16 e 17 de decembro. Pronto subiremos toda a información!
As anteriores edicións do curso básico constituíron unha vivencia moi enriquecedora para todas as asistentes. Podes botar un ollo neste vídeo ás súas experiencias.

Mapeando os recursos violetas da contorna
Na actualidade a achega de recursos online convértese nunha liña fundamental de traballo para espallar as ferramentas da educación non formal. En 2020 elaboramos un mapa de recursos en materia de igualdade (axudas públicas e privadas, publicacións, ferramentas online, itinerarios formativos, catálogos de servizos e persoas expertas, etc.) aplicables ás realidades e necesidades das entidades que traballan na educación non formal. Cada ano actualizámolo e revisámolo.

Tamén estamos creando unha guía para elaborar plans de igualdade en entidades socioeducativas, en canto estea lista subirémola á web. Polo pronto, aquí vos deixamos algúns consellos para enfocar as cuestións de xénero nos campamentos, e aquí algúns aprendizaxes que sacamos, falando con diferentes profesionais, despois deste verán de experiencias.
Se tes gañas de achegar recursos, colaborar con ideas ou queres que te enviemos a última versión do mapa cando estea lista, ponte en contacto con nós!
lentes.violetas@aventeira.com
(+34) 722 349 483 / (+34) 722 349 493

Proxecto subvencionado nun 70% e cun importe de 24.670,42 euros pola Deputación da Coruña a través do programa de subvencións a entidades sen fins de lucro para o desenvolvemento de programas de políticas de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e loita contra a violencia de xénero no ano 2023.