Slide
Artigos e
Achegas

A maxia da Campaña de Verán

Dos campas de verán da Xunta de Galicia é moi difícil saír. Porque namoran. Porque enganchan. Porque son un espazo educativo moi potente. A maioría das persoas que tivemos a oportunidade de vivilos lembraremos, seguramente, o campa no que comezamos, aquel no que prendeu a faísca da certeza de que isto era o noso, o verán no que coñecemos á xente que xa son amizades das que non marchan, aquel outro onde deixamos unha pegada educativa imborrable e algún no que rimos tanto que pensabamos que íamos estourar de felicidade. Para Aventeira, como de seguro para moitas persoas, o verán é o momento máis esperado do ano. É o tempo no que, por fin, vivir de campa.

O concurso público dos campamentos da Campaña de Verán

Dentro do panorama público do país, os campamentos da Campaña de Verán da Xunta de Galicia son especiais. Permiten a rapazas e rapaces de contornas sociais moi diversas a vivencia de experiencias de tempo libre en instalacións e espazos naturais únicos, avanzan no camiño cara a democratización do ocio educativo e promoven a inclusión e a innovación pedagóxica. Non é unha cuestión baladí: non tódalas comunidades contan cunha oferta pública deste tipo. Cómpre poñela en valor e avogar pola continua mellora en prazas e calidade.

A pesar de tódolos pros que aquí recollemos –e hai moitos máis- o formato do concurso público dos campas é, cada ano que pasa, obxecto de debate. E ben está que nos impliquemos no sector e falemos do que nos afecta. Sempre e sen ningunha dúbida. Porén, converter os debates en políticas e darlles un enfoque propositivo é tamén fundamental.

63f9e9a4-6fec-4733-bf57-1ec369b2c870

Un procedemento público aberto a debate e a transformacións

Ao longo dos anos, o concurso público da Campaña de Verán bebeu de moitas achegas. As que fixeron colectivos como Somos Tempo Libre, traballadores e traballadoras nos Interactuandos no Tempo Libre, empresas e persoal vía avaliacións e suxestións enviadas ás administracións, persoal funcionario implicado e, queremos pensar, tamén a rapazada participante a través das enquisas que cubre ao final de cada quenda.

Así mesmo, cómpre salientar a aplicación da lexislación europea no noso regulamento xurídico, que trouxo unha nova Lei de Contratos do Sector Público e, con ela, o ollo atento que ten que ter a Xunta ao cumprimento da normativa laboral e dos salarios do persoal de tempo libre. Agora, a administración vela porque se pague como se debe ás persoas traballadoras e iso é innegociable.

Con todo, podemos facerlle algunhas críticas a este procedemento de contratación pública. A medición de cuestións obxectivas converte a oferta económica no factor determinante para a adxudicación. Este ano introduciuse un parámetro que buscaba nivelar esta cuestión, pero non foi suficiente. Volver ao pasado pode levarnos aos mesmos problemas que xurdiron entón.

Nós non temos un listado de solucións efectivas, pero si estaríamos encantadas de argallar e participar en procesos de reflexión colectiva para buscar melloras e solucións ás eivas do concurso. Do lado de quen o redacta sempre atopamos disposición á escoita.

Reflexionar moito, coller aire e dar o paso de presentarnos

Este ano, por vez primeira, dimos o paso de presentarnos á Campaña. Tomar a decisión foi difícil. A airexa que moveu o viravento foi a paixón que nos move por este concurso. Non queríamos quedar fóra. Pensamos que é un marco privilexiado para educar en valores e queríamos ter a oportunidade de facelo a través dunhas metodoloxías e enfoques lúdico-educativos nos que confiamos. Sabemos que hai moitas entidades que viven os campas coma nós, claro, mais cadaquén ten o seu xeito.

E é que xa non somos tan novas. Nestes anos, traballamos ao lado de moita xente marabillosa, da que aprendemos formas incribles de facer e de soñar, e pola que hoxe somos, agora, as persoas nas que nos convertemos. Tamén traballamos baixo o paraugas de empresas moi diferentes, ás que estamos ben agradecidas polas opoprtunidades que nos brindaron, e sabemos da calidade e das potencialidades do tempo libre en Galicia e dos axentes que o conforman. Somos diversas, temos proxectos educativos distintos, pero xustamente esta cuestión é un valor fundamental do noso sector.

Nós fomos a este concurso co corazón. Somos cooperativa e queremos traballar, nós mesmas, nas instalacións durante o verán. Pensamos que este pode ser un factor diferencial á hora de establecer unha ou outra cifra nas ofertas, permitíndonos ser quen de atender tódalas necesidades con material de calidade e sen perder unha miga de profesionalidade nin a perspectiva de que o acompañamento das persoas participantes é o máis importante.

Gustaríanos pasar cada día de verán aprendendo, educando, soñando e sementando. E gustaríanos que os debates que se dean nas instalacións e nas redes sociais teñan continuidade durante o inverno, a través de oportunidades para vernos, recoñecernos e intercambiar ideas. Para reflexionar xuntas sobre como mellorar a situación e como camiñar cara un tempo libre máis educativo e máis sostible. Namentres, agardamos poder mergullarnos na maxia dos campas con compañeiras e compañeiros de vida e ollar ás estrelas, pola noite, preguntándonos se hai unha mellor forma de educar e de ser feliz. Cruzamos os dedos.