Por que un campamento?

Un campamento é unha opción atractiva e diferente para a mocidade, ao englobar aspectos coma o uso activo do tempo de lecer e as ideas de diversión e aventura, proporcionándolles ademais oportunidade de aprendizaxe a nivel persoal e emocional.

Nestes tempos nos que a rapazada ven de pasar demasiados días na casa, con pouco contacto co mundo e cos seus e as súas iguais, unha experiencia como a Aventura na natureza é a oportunidade perfecta para romper con esta rutina e, de paso, vivir unha experiencia inesquecible cargada de diversión e educación en valores.

Que actividades faremos?

  • Actividades de aventura, como kaiak en río, construción de vivacs e orientación con compás.
  • Ximcanas, piscina, xogos de auga, deportes alternativos, grandes xogos ambientados e veladas únicas!
  • Rutas e andainas, en constante contacto coa natureza.
  • Obradoiros de autoestima, autocoñecemento, igualdade e confianza, que aporten valores e fomenten un clima xeral de convivencia.

Cóntame máis!

Datas e lugar

Do domingo 9 ao sábado 15 de agosto, no Centro Equal, albergue xuvenil e centro de interpretación medioambiental. O albergue está no concello de Coles, provincia de Ourense.

Horario

A actividade comezará o domingo ás 17:00 da tarde e rematará o sábado tamén ás 17:00.

Manutención e pernocta

Está incluído no prezo o almorzo, o xantar, a merenda e a cea. A primeira comida incluída é a cea do domingo, día 9, e, a última, o xantar do sábado 15. A pernocta para as cativas e cativos máis pequenos terá lugar en albergue e, para os maiores, en tenda de campaña.

Prezo

350 € por participante. 

Inscrición e prazas

O límite de inscrición é o domingo, 26 de xullo. As prazas son limitadas, así que non o deixes para o final!

Participantes

Rapaces e rapazas de entre 9 e 14 anos. Durante o campamento, dividiremos á rapazada en dous grupos por idade para moitas das actividades, aínda que algunhas serán conxuntas.

Seguridade e hixiene

Seguiremos as normativas e recomendacións de seguridade e hixiene marcadas polas autoridades competentes.

Quen organiza?

Esta experiencia nace do esforzo intercooperativo de Equal S. Coop. e Aventeira S. Coop. As dúas entidades desenvolvemos a nosa actividade dende o compromiso cunha serie de valores:

Equal S. Coop. xestiona o Centro de Educación Ambiental e Albergue Equal. Constitúen unha cooperativa que pretende fomentar e formar nunha mellor relación co contorno e tódolos elementos que o integran, para acadar unha mellor calidade de vida mediante a educación en valores sociais, ambientais e humanos, a creatividade e o achegamento á natureza.

Aventeira S. Coop. somos unha cooperativa sen ánimo de lucro que cremos no tempo libre como a contorna perfecta para a educación en valores, a convivencia e o cremento persoal e colectivo. Buscamos construír un mundo mellor a través das nosas actividades e queremos achegar alternativas de ocio a tódalas persoas. Cremos na creación colectiva, no diálogo e nos consensos.

Aventeira Cooperativa de Educación e Lecer

Quero anotarme! Como fago?

  1. Cobre o formulario.
  2. Ingresa 150 euros en concepto de reserva de praza na conta de Triodos ES61 1491 0001 2630 0011 1277. Concepto: “Aventura na natureza” seguido do teu nome. Esta cantidade non é reembolsable no caso de que te deas de baixa durante o proceso (é a cantidade que asegura a viabilidade da celebración da actividade!). Descontaráseche do prezo total ao realizar nun segundo pago e si se reembolsará na súa totalidade no caso de que non se puidese realizar a actividade porque non se cubriran as prazas mínimas.
  3. Envía o resgardo do ingreso ou da transferencia na conta ao correo [email protected], poñendo no asunto as palabras “Aventura na natureza”.

Poñerémonos en contacto contigo a través de correo electrónico dúas veces. Unha primeira para confirmar a recepción da reserva e do pago, e unha segunda para confirmar a celebración da Aventura na natureza, informar dos prazos para realizar o resto do pago e darche algunha  información práctica.

Agardámoste

Preguntas habituais

Que teño que traer?

Saco e esterilla, roupa de abrigo para as noites, chuvasqueiro, zapato impermeable e cómodo para camiñar, bañador, toalla, crema solar, útiles de aseo, lanterna, máscaras (varias de reposto, mesmo se non son desbotables), etc.

Se son dos maiores, teño que traer a miña propia tenda?

Nós levaremos tendas para todas e todos. Seguindo as medidas para o desenvolvemento de actividades de ocio educativo adaptadas á situación derivada da crise sanitaria do Covid-19, levaremos tendas con catro prazas para que durman dúas persoas por tenda.

Aínda me quedan dúbidas, quero máis información!

Chama sen dubidalo aos teléfonos 722 349 493 e 722 349 497 ou escribe ao correo electrónico [email protected] poñendo no asunto as palabras Aventura na natureza.