Slide
Artigos e
Achegas

Cosdekasfkjiashjfasdfas

fasdraeqawfas as 


Como atopar o concurso público dos campamentos da Xunta de Galicia?

A información do concurso é publica. Pode facerse un seguimento do que vai acontecendo facilmente. O contrato publícase na plataforma Contratos Públicos de Galicia. O órgano de contratación é a Consellería de Política Social e Xuventude (mudou o nome recentemente). O nome do concurso adoita a ser o seguinte: “Execución da programación das actividades de educación non formal da Campaña de verán 20XX. Anticipado de gasto”. Nesta imaxe pódese apreciar mellor o comentado ata o de agora:

Cales son os lotes da Campaña de Verán e as súas condicións técnicas?

Imos clarificar neste apartado o que son os 13 lotes do concurso. Cada lote fai referencia a unha instalación xuvenil que ten a Xunta de Galicia e que pon a disposición das entidades que se presentan para que executen alí unha programación de actividades preestablecida. 

Os lotes actuais son os seguintes:

Provincia da Coruña

Lote 1 – Albergue Xuvenil Mariña Española (Bergondo)
Lote 2 – Albergue Xuvenil Gandarío (Bergondo) 
Lote 3 – Campamento Xuvenil Espiñeira (Boiro)
Lote 4 – Campamento Xuvenil Virxe de Loreto (Porto do Son)
Lote 5 – Campamento Xuvenil de Furelos (Melide)

Provincia de Lugo

Lote 6 – Albergue Xuvenil de Area (Viveiro)
Lote 7 – Albergue Xuvenil Benigno Quiroga (Portomarín)
Lote 8 – Campamento Xuvenil da Devesa (Ribadeo)
Lote 9 – Campamento Xuvenil Os Chacotes (Palas de Rei)

Provincia de Ourense

Lote 10 – Campamento Xuvenil Penedos de Xacinto (Entrimo)

Provincia de Pontevedra

Lote 11 – Albergue Xuvenil As Sinas (Vilanova de Arousa)
Lote 12 – Campamento de Pontemaril (Forcarei)
Lote 13 – Campamento da Illa de Ons

Actualmente o máximo número de lotes que pode levar cada empresa é de tres.

Volvamos á programación de actividades da que falabamos ao principio. Nos pregos técnicos aparecen os lotes, as datas dos campamentos, a idade das persoas participantes, o equipo educativo que ten que estar na instalación, as actividades que cómpre realizar,  o cronograma ou o material necesario para desenvolver as actividades, entre outras cousas. 

Para atopar esta información debemos ir á pestana de documentos que está xusto debaixo do recadro de datos xerais (imaxe anterior). Dentro de documentos, na sección de Pregos, temos que ir ao de condicións técnicas. Podemos descargalo en formato pdf.

Como atopar as empresas que levan cada lote?

Antes de nada debemos dicir que este é un procedemento longo no tempo e que dura bastantes meses. Con todo, aínda que a adxudicación definitiva non se fai ata case a metade do ano, si podemos saber durante o primeiro trimestre as empresas que potencialmente van levar os lotes, se non hai problemas coa documentación a achegar nin recursos posteriores. 

Para descubrilo debemos ir á pestana de Mesas de contratación. Na sección Datos da mesa 1 aparece a Acta sobre A. Dentro dese documento xa aparecen as empresas que van concorrer aos lotes.

O ideal e máis recomendable é estar un pouco pendentes do concurso, para ir vendo como se vai desenvolvendo e coñecer a declaración de mellores ofertas, a adxudicación provisional e, finalmente, a adxudicación definitiva. No concurso do 2023, na Acta da mesa 4, xa saen as ofertas económicas e polo tanto se pode intuir (en ningún caso afirmar con seguridade) que empresas levarán os campamentos. Neste momento podemos ir á web destas empresas e ver a que correo debemos enviar a nosa presentación e CV. Despois xa deciden as empresas se se poñen en contacto con nós.

Con todo, non deixemos de estar atentas e atentos. Por diferentes circunstancias a adxudicación final pode variar respecto desta declaración. Se así acontecese, habería que enviar o CV outra vez á nova empresa ou empresas adxudicatarias, no caso de que se trate dunha entidade á que non se lle tivese enviado o CV anteriormente.

Podo facer as prácticas dentro dos campamentos da Xunta de Galicia?

A resposta é si, pero moito ollo: as empresas que levan os campamentos non poden ofertar prácticas dentro destes lotes, xa que as prazas de prácticas van a sorteo entre as Escolas de Ocio e Tempo Libre de Galicia, polo que cómpre solicitar as prazas ás escolas.

Nalgúns casos, cando quedan prazas de prácticas libres durante o verán, as empresas poden ofrecer estas prazas de última hora a xente que as teña pendentes.

Esperamos que este artigo poida servos útil. Moito ánimo e sorte!

Vémonos no tempo libre.