Slide
Impulsando os ODS na Educación non Formal

A educación non formal constitúe, para nós, un espazo privilexiado de transformación social; un espazo onde promover valores como a non-violencia, a igualdade de xénero, e a non discriminación por motivos de xénero, orientación ou identidade afectivo-sexual, etnia, relixión ou clase; un lugar dende o que impulsar o rexeitamento aos discursos do odio, o desenvolvemento de conciencia medioambiental e as actitudes de participación democrática e activa na sociedade.

Por todo isto, e co apoio do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, lanzamos para este 2024 este programa que, a través de diferentes accións ao longo de todo o ano, pretende poñer en valor a importancia da educación non formal (EnF) para a formación en valores dunha cidadanía crítica e facilitar recursos para a aplicación progresiva dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible na acción educativa.

A través de catro grandes actividades, os retornos das participantes e a campaña de comunicación, trataremos de achegar ferramentas, ideas e exemplos que sirvan a entidades de todo o Estado, ou incluso máis aló, para contribuír á consecución dos ODS a través da educación non formal.

A medida que vaiamos avanzando nas diferentes actividades, actualizaremos esta páxina con toda a información, ligazóns e recursos.

Certame para educadores e educadoras, no que se premiarán ata 15 actividades de EnF relacionadas cos ODS.​

Formación destinada a persoas dinamizadoras infantís e xuvenís para desenvolver iniciativas de participación.

Paquetes de actividades relacionadas cos ODS, con instrucións e materiais para facilitar a súa realización.​

Campamento en ruta para mozos e mozas, coñecendo realidades de loitas sociais e desmontando os discursos de odio.​

Accións de devolución nos lugares de orixe das e dos participantes, multiplicando o impacto educativo das mesmas.​

Pezas audiovisuais protagonizadas pola mocidade participante, con contidos educativos e divulgativos.

Concurso de actividades e dinámicas de Ed. non Formal

Queremos por en valor e contribuír á difusión e aproveitamento das boas ideas para traballar contidos no eido da educación non formal que, explícita o implicitamente, aporten aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

Quen pode concursar

Aínda que está especialmente orientado a persoas voluntarias ou profesionais que desenvolvan accións educativas en campamentos, asociacións ou outros espazos de educación non formal, calquera persoa que resida no Estado español, pode participar.

Categorías e premios

As actividades recibidas clasificaránse en tres categorías, segundo a idade das persoas destinatarias para as que foi concebida dita actividade:

  • Actividades para participantes de menos de 11 anos.
  • Actividades para participantes de 11 a 13 anos.
  • Actividades para participantes de máis de 13 anos.

Cada categoría contará cun primeiro premio e catro accésits. Así, en total, os premios dispoñibles no concurso son:

  • 3 premios por valor 500 euros, 1 por categoría.
  • 12 accésits por valor de 50 euros, 4 por categoría. 

Como participar

  1. Describe a túa actividade seguindo o formato da ficha modelo.
  2. Envíanola a través do formulario electrónico habilitado.
  3. Aumenta as túas opcións de gañar! Podes enviar todas as propostas que queiras.

Datas

Inscrición aberta

Presenta as túas propostas ata o 17 de marzo de 2024

Escola de Empoderamento

A formación que precisas para desenvolver ilusionantes proxectos de participación real coa rapazada!

Neste itinerario, composto por tres módulos independentes, aprenderemos como poñer en marcha auténtica participación con voces expertas e experiencias reais en diversos contextos, tipoloxías e territorios.

Persoas destinatarias

Esta formación está dirixida a persoal técnico, profesional ou voluntario, de dinamización infantil e xuvenil entidades públicas, colectivos sociais ou outros contextos socioeducativos onde se pretenda introducir ou mellorar a participación.

Contidos dos cursos

Educando para participar: impulsando a iniciativa infantil e xuvenil
Falaremos da importancia pedagóxica da participación infantil e de como crear cultura de participación, co exemplo da pedagoxía do proxecto. Tamén coñeceremos exemplos de iniciativas e proxectos de participación infantil e xuvenil tanto na escala local como no marco da Unión Europea.

Datas: 9-10 de marzo

Participación infanto-xuvenil en políticas públicas
Contextualizaremos a realidade da participación política nas institucións públicas e coñeceremos de primeira man exemplos e boas prácticas de Consellos da Infancia e Consellos da Xuventude en diferentes ámbitos, dende o rural galego a consellos autonómicos de diferentes territorios do Estado.

Datas: 27-28 de abril

O ocio e o tempo libre como espazo de participación
Valoraremos os niveis de participación real da rapazada en campamentos e outros espazos de lecer educativo, e compartiremos metodoloxías, dinámicas ou experiencias para facer esta participación máis posible. Tamén descubriremos iniciativas de ocio autoxestionado por mozos e mozas.

Datas: 11-12 de maio

A inscrición debe realizarse unha semana antes da celebración de cada curso. A partir desta data só entrarán solicitudes en caso de haber prazas sen cubrir.

Ao longo destas tres fins de semana, contaremos con intervencións de voces expertas moi variadas. Aprenderemos da man de persoal académico e investigador da universidade, representantes de ONGs ou asociacións que promoven a participación nestes espazos ou dinamizadoras que están acompañando actualmente iniciativas de participación institucional infantil e xuvenil en distintos lugares do estado. Segundo se vaian achegando as datas, iremos publicando os programas finais de cada módulo e as persoas que dinamizarán cada espazo formativo.

¡Lembra que os tres módulos son independentes! Podes anotarte aos tres, pero tamén a dous ou a un, se o prefires, ou se só tes unha finde dispoñible.

Horarios

A formación dará comezo ás 12:00 do sábado e rematará ás 18:00 o domingo.

A chegada ao espazo e instalación nas habitacións será, por norma xeral, entre as 11:00 e as 12:00, pero se precisas vir antes, ou incluso durmir xa no albergue o venres, avísanos no formulario de inscrición para telo en conta.

Lugar

A Escola de Empoderamento desenvólvese, na súa totalidade, no albergue Aldea Nova  (Narón, A Coruña). 

A participación no curso inclúe aloxamento e manutención ao longo da duración do mesmo.

Prezo

Nada! Esta formación é gratuíta.

Só pedimos que espalles e transmitas o aprendido na mesma. Aquí explicámosche como.

O transporte de ida e volta ao lugar de celebración será polos propios medios das persoas participantes.

Preinscricións

O formulario de inscrición xa está aberto para os tres módulos. Se queres participar, podes cubrilo cos teus datos e completar así esta pre-inscrición.

En caso de que o número de solicitudes exceda ao número de prazas, a organización realizará unha selección tendo en conta equilibrios de xénero, diversidade territorial, entidades de traballo, voluntariado ou activismo de procedencia e vinculación coas temáticas a traballar. 

En calquera caso, a confirmación de prazas terá lugar unha semana antes de cada un dos cursos. A partir deste momento, só se admitirán novas inscricións no caso de que haxa prazas non ocupadas.

Boomerang dos valores

O elemento de maior valor de todo o contido deste proxecto sodes as persoas que participades nel nas súas diferentes actividades e dende distintos roles ou funcións. As vosas aprendizaxes e vivencias son o principal produto deste proxecto e por iso queremos que o espalledes o máximo posible. 

Para maximizar o impacto ás persoas participantes pedímosvos que vos comprometades a desenvolver polo menos unha acción na vosa contorna

A idea é que sexan accións sinxelas, que sirvan para contar a vosa experiencia ou o que aprendestes asistindo ás actividades formativas, empregando os kits de actividades ou durante a ruta fronte aos discursos do odio. Algunhas ideas a modo de exemplo:

  • Unha pequena exposición fotográfica da vosa experiencia no proxecto, con pequenos textos explicativos sobre os ODS.
  • Unha breve charla na vosa aula universitaria, centro de FP ou cursos non formais.
  • Unha reunión técnica co equipo educativo ou de voluntariado da vosa entidade.
  • Unha presentación para as persoas usuarias da asociación xuvenil, veciñal, cultural coa que colaborades ou da que formades parte.
  • Realización dunha ou varias das actividades do kit de emerxencia ou das publicadas no certame de ideas con participantes infantís e xuvenís.
  • Unha charla con diapositivas no centro cívico do teu concello. 

Cada participante, no momento de inscribirse nunha das actividades, declara o seu compromiso de desenvolver esta acción de devolución e tamén de rexistrala nesta páxina web.

Precisamos un pequeno rexistro moi sinxelo destas accións, indicándonos cando e onde teñen lugar e algunha fotografía ou vídeo do evento/acción.

Estes elementos visuais incorporaranse á documentación xustificativa do proxecto e non se difundirán publicamente, agás que excepcionalmente se de un consentimento expreso a tal efecto por parte da persoa participante. 

O prazo para enviar esta acción boomerang a través do formulario é o 5 de outubro.

Para calquera achega ou cuestión sobre este proxecto podes contactarnos en:

Neste proxecto colaboran:

Este proxecto realízase co apoio financeiro do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030. O contido da publicación é responsabilidade exclusiva da entidade subvencionada e non reflicte necesariamente a opinión do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030.