ImaxesWebLentes2000x650px

Moitas das formas de mirar fómolas asumindo de xeito inconsciente ao longo da nosa socialización neste presente e neste lugar. Con todo, tamén podemos aprender a ollar ao noso arredor de xeito diferente. Podemos educar a mirada. 

Por iso lanzamos o proxecto “Lentes Violetas”. Lentes que serven para percibir estereotipos sexistas, discriminacións por razón de xénero e/ou orientación sexual, microviolencias, machismos do día a día, cosificacións e un longo etcétera. 

As diferentes actividades que propoñemos buscan darlle forma a estas lentes, para que, aínda que haxa tantos xeitos distintos de lentes coma persoas participen nelas, todas e todos poidan construír a súa mirada consciente ante as desigualdades de xénero e as violencias que as sosteñen.

3

O proxecto conta con diferentes liñas de acción enfocadas á educación non formal e á igualdade e está subvencionado pola Deputación da Coruña. Esta páxina será actualizada segundo estas liñas vaian desenvolvéndose.

Pílulas formativas para entidades socio-educativas e de tempo libre

Laboratorio de asembleas feministas e de espazos de masculinidades disidentes

Kits de actividades para educar en igualdade

Mapa dos recursos violetas da contorna para educar en igualdade

Guía para elaborar plans de igualdade en entidades socioeducativas

Cursos Lentes Violetas

Traballamos con entidades socio-educativas e de tempo libre en tres eixos:

  1. Análise de realidade e necesidades: colaboramos coas entidades para medir a súa saúde en igualdade de xénero a través dunha ferramenta de auto-diagnose, e establecemos áreas prioritarias de intervención.
  2. Desenvolvemento da formación: as entidades escollen pílulas formativas para educadoras/es e monitorado e nós adaptámolas á súa realidade e desenvolvémolas. Entre as pílulas ofrecidas, contamos con:
    • Formación básica: introdución á perspectiva de xénero
    • Gamificación e metodoloxías adaptadas para o traballo en xénero
    • A perspectiva de xénero dende a práctica cotiá
    • Educación dende a perspectiva queer
    • Enfoque de xénero das dinámicas organizativas.
    • Mediación con perspectiva de xénero.
    • Asembleas feministas e espazos de masculinidade disidente.
  3. Posta en práctica no marco da propia entidade: desenvolvemos unha actividade para as usuarias. Se queren, facémolo xuntas, cooperando na súa execución. Entre os obradoiros ofrecidos, contamos con:
    • Cambiarmos o conto
    • Falarmos bonito
    • Misterio no Reino Encantado
    • Símbolos na Noite Escura
    • Perrear con lentes violetas
    • Porno-sotrxs
    • Amores que molan
    • Men can do it
    • As mozas son guerreiras
    • Corresponsabilidade

É totalmente gratuíto, así que se pertences a unha empresa, asociación, colectivo de educación non formal ou formas a futuros profesionais do tempo libre, a educación social ou a animación sociocultural e tes interese, non dubides en poñerte en contacto con nós!

Con esta liña de acción buscamos formar a profesionais da educación formal ou non formal e acompañar a creación de pequenos grupos estables de rapazada nos que analizar as desigualdades na súa vida cotiá e xerar prácticas e discursos transformadores. O obxectivo é que as persoas participantes poidan ser axentes de creación de sentido común feminista nas entidades das que participan, nos seus centros educativos e cos seus grupos de iguais.

Ofertámosvos unha formación presencial con dúas sesións de dúas horas cada unha na que abordaremos: pautas básicas de participación asemblearia, comunicación non violenta e dinamización, bebendo para todo isto da facilitación de grupos e a mediación. Tamén abordaremos algúns contidos básicos en materia de igualdade, e compartiremos consellos sobre como crear un Punto Violeta e unha campaña de sensibilización.

Ademáis co fin de apoiar a labor realizada no voso contexto educativo, o grupo contará cun “starter pack” que contén os seguintes materiais:

  • Guía Labortorio de Asembleas Feministas: Unha guía para artellar Asembleas, campañas comunicativas e Puntos Violeta en contextos educativos” en formato dixital, xunto cun exemplar impreso da mesma.
  • Chalecos “Punto Violeta” para as persoas responsables da xestión e dinamización deste espazo dentro do centro educativo.
  • Landyards para identificar ás persoas responsables da xestión e dinamización do Punto Violeta dentro do centro educativo.
  • Cartelería e stickers para visibilizar o compromiso do centro educativo coa promoción da igualdade e a prevención das violencias machistas.
  • Calendario anual de efemérides vencelladas ao movemento feminista e á loita polos dereitos das persoas que forman parte do colectivo LGTBIQA+.

Finalmente, para apoiarvos na preparación das primeiras Asembleas ou abordar as dificultades que vaian xurdindo no grupo,  ofertámosvos 3 sesións de acompañamento, en modalidade online e de 1h 30min de duración cada unha delas.

Podedes escoller formar un grupo feminista no que participen rapazas e rapaces, un espazo só de rapaces para traballar na construción de masculinidades libres de machismo ou ter un grupo de rapazas e/ou rapaces que periodicamente se reúne en grupos non mixtos para traballar atendendo a necesidades específicas. Se o foco de interese das persoas participantes está na diversidade sexual e de xénero tamén podedes crear unha asemblea arcoiris ou clube LGTBIQA+.

Finalmente deixarémosvos voar libres e construír o voso propio camiño, pero ate que remate decembro estaremos á vosa disposición para facer unha última videotitoría por se queredes aclarar dúbidas ou simplemente contarnos como vai a vosa andaina.

Desde Aventeira, estamos moi ilusionadas de poder anunciar o lanzamento dun sorteo de 10 kits de actividades xa listas para desenvolver.

Como entidade do eido social, en Aventeira sabemos que as persoas que traballamos ou desenvolvemos voluntariado en asociacións, ONGs ou grupos informais, non sempre temos o tempo, o orzamento, os perfís especializados ou a enerxía para idear novas propostas e traballar na prevención das violencias machistas ou na promoción da igualdade e a diversidade. 

Por iso, en 2024 e 2025 incluímos -como parte do proxecto Lentes Violetas-, o deseño e maquetación dalgunhas das nosas actividades favoritas, xa listas para desenvolver e acompañadas de materiais duradeiros e versátiles. Estes kits de actividades están subvencionados pola Deputación de A Coruña, polo que serán sorteados entre as entidades socioeducativas interesadas que desenvolvan cando menos parte da súa actividade na provicia de A Coruña.

Como participar?

Para participar no sorteo, só tes que seguir estes pasos:

  1. Inscribe á túa entidade completando este formulario antes do 14 de decembro.

  2. Permanece atenta ás nosas RR.SS., xa que o 15 de decembro publicaremos o resultado do sorteo.

  3. Antes do 20 de decembro, poñerémonos en contacto coas entidades gañadoras para acordar o envío dos kits.

Nesta ocasión, o sorteo non estará aberto a persoas particulares, xa que cremos que facéndoo chegar directamente ás entidades, asociacións e empresas, os materiais poderán pasar por moitas persoas participantes, multiplicándose o seu impacto. Así mesmo, este é o noso xeito de agradecer e devolver un pouquiño do moito que estas organizacións aportan á sociedade.

Por último ten en conta que se a túa entidade xa foi adxudicataria dos kits na edición de 2024 non poderá volver a selo en 2025.

 Non deixes pasar esta oportunidade!

Os kits de actividades de Lentes Violetas

 Cada kit de actividades inclúe tres propostas didácticas deseñadas para traballar 3 temáticas diferentes:

  • Xenerusino, o gamusino do xénero: Empregamos unha das infinitas, cambiantes e posibles formas do gamusino (un animal mítico dos campamentos) para explicar diferentes conceptos ao redor da diversidade sexual, as identidades e expresións de xénero, e as múltiples formas de vivir a afectividade. Con esta ferramenta, deseñamos un obradoiro completo dirixido á promoción da liberdade afectivo-sexual.
  • A Resistencia: Inspirámonos na coñecida saga “Os Xogos da Fame”de Suzanne Collins para crear un Gran Xogo inmersivo co que traballar estereotipos e desigualdades de xénero desde problemáticas cercanas á realidade das rapazas e rapaces.
  • Iceberg e escaleira das violencias: Achegamos unha proposta de obradoiro facilitado para traballar o iceberg das violencias e a escaleira da violencia de xénero.

Cada kit contén todo o material necesario para desenvolver as actividades: paneis con tarxetas a xogo, cartas e material fotocopiable para que poidades darlle uso todas as veces que queirades. Tamén inclúen fichas de actividade moi detalladas para que a posta en marcha sexa sinxela e contedes de antemán con toda a información precisa.

Kits de actividades imprimibles

Se non podes participar no sorteo ou a túa entidade non resultase gañadora podes auto imprimir o material das actividades.
So tes que premer no botón de cada actividade e descargar os arquivos comprimidos!

Se tes algunha dúbida sobre as actividades ou precisas máis información,  non dubides en poñerte en contacto connosco!

Na actualidade a achega de recursos online convértese nunha liña fundamental de traballo para espallar as ferramentas da educación non formal. En 2020 elaboramos un mapa de recursos en materia de igualdade (axudas públicas e privadas, publicacións, ferramentas online, itinerarios formativos, catálogos de servizos e persoas expertas, etc.) aplicables ás realidades e necesidades das entidades que traballan na educación non formalCada ano actualizámolo e revisámolo.

Como novidade, este ano redeseñamos o formato do mapa e en lugar de ser un PDF descargable é unha web interactiva cun motor de búsqueda que permite atopar recursos filtrando por categorías. Deixámosche tanto o acesso á web interactiva como á última versión en PDF.

Curso Avanzado de Educación Non Formal con Lentes Violetas (II edicións)

II Curso Avanzado de Educación Non Formal con Lentes Violetas

Despois da calorosa acollida da primeira edición, este ano regresamos con máis forza, ilusión e mirada violeta. Durante unha fin de semana intensa reuniremos a poñentes expertas de diferentes puntos do Estado, artistas feministas e persoas comprometidas coa educación non formal para pensar xuntes, compartir ferramentas e tecer redes entre profesionais.

Abordaremos algúns dos retos urxentes da educación para a igualdade coas nosas mellores aliadas: metodoloxías participativas, aprendizaxe vivencial, arte, música e celebración.

Un encontro para inspirarnos, nutrirnos e seguir transformando colectivamente os espazos educativos nun lugar máis xusto, diverso e habitable para todes.

Contidos

Nesta segunda edición cargada de novidades acompañarannos poñentes expertas de diferentes puntos do Estado, que afondarán en temas clave para a educación feminista contemporánea: Magdalena Piñeyro  abordará o estigma de peso na educación; María Benito (de @boca.a.boca_educacionsxual) falaranos de pornografía e erotismo na Educación Sexual; Angelly Ferreiro (de @eduso.antirracista) explorará o racismo e a colonialidade na educación non formal; Raúl Macías (de @masculinidadsubversiva) achegará perspectivas para traballar as masculinidades na educación para a igualdade; Cristy Shedimar Tojo convidaranos a reflexionar sobre os límites nas relacións afectivas; e Yolanda Paz axudaranos a conectar co corpo e xogar co xénero desde o movemento e a expresión artística.

Xunto a elas, gozaremos de espazos artísticos e de lecer feminista, como o cineforum e laboratorio de creación que nos propón Nuria Vil  e un concerto de BRATZANTIFA seguido por unha pinchada a cargo de Señora DJ, que encherán a noite de ritmo, rebeldía e celebración colectiva.

Se queres máis detalles deixámosche aquí a info sobre os horarios e os contidos.

Lugar

Albergue de Ecoturismo Alvarella  en Breanca Doroña s/n 15615 Vilarmaior (A Coruña)

O Albergue de Ecoturismo Alvarella está pretiño de Pontedeume. Sitúase nunha finca preciosa e conta con comedor, cociña, habitacións con calefacción e baño e unha sala común magnífica onde desenvolveremos a maioría das sesións.

Os concertos do venres terán lugar na Sala Guión, en Pontedeume. Para poder achegarnos alí  xeraremos un pequeno espazo no que organizarnos e compartir os coches dispoñibles.

Prazo de inscrición
Ata o 17 de novembro

Prezo
44€

O prezo inclúe a pernocta no albergue, os concertos e espectáculos artísticos e a manutención completa. Aloxarémonos en habitacións colectivas e teremos que levar o noso saco de durmir. Uns días antes da formación crearemos un grupo de whatsapp no que poder organizarnos para compartir transporte ata o albergue.

Sistema de bolsas

Existe a posibilidade de recibir unha bolsa que cubra o custe total do curso, se ben o seu número é limitado. O seu desfrute está vinculado á realización dun voluntariado de cando menos 22 horas.

Criterios de inscrición e instrucións de matrícula

Para solicitar a vosa praza, cubride o formulario. O 17 de novembro rematará o período de inscrición e, nos días seguintes, enviaremos un correo a tódalas persoas interesadas para comunicarvos tanto a consecución da praza como a inclusión na lista de agarda, se fose o caso. Tamén achegaremos aquí as instruccións para facer o pago.

De darse o caso de que tivésemos máis solicitudes que prazas, imos aplicar os seguintes criterios de selección: equilibrio territorial e de xénero, participación previa nos cursos básicos e orde de inscrición. Se alguén renunciase á súa praza, chamaríamos ás persoas que estivésedes na listaxe de agarda por se quixerades ocupar esas prazas libres.

Espazo de conciliación

Podedes solicitar o uso de este espazo ao inscibirvos no formulario, se contamos con cando menos 5 solicitudes habilitaríase un espazo de conciliación infantil onde profesionais do tempo libre titulados acompañarían as crianzas durante os espazos formativos

UNHA OLLADA AO PASADO: outros cursos de Lentes Violetas

Educación Non Formal con Lentes Violetas (6 edicións)

 Unha fin de semana para mergullarse na educación en igualdade, compartir experiencias e construír novas ferramentas de transformación social. Este curso vai dirixido a profesionais e voluntarias da educación non formal e a docentes con interese en incorporar a perspectiva de xénero ao seu traballo con ferramentas lúdicas.

Entre 2019 e 2025 realizáronse seis edicións desta formación, que combina 30 horas de aprendizaxe (25 presenciais e 5 de traballo autónomo) para explorar temas clave como:

  • A igualdade en perspectiva, unha viaxe polos porqués e os sentidos dos debates no feminismo.

  • Olladas queer e estratexias de acompañamento.

  • Resistencias e estratexias colectivas, para construír o cambio desde as vivencias.

  • Educación afectivo-sexual e transformación dos modelos afectivos.

  • Espazo non mixto: autodefensa transfeminista e masculinidades disidentes.

  • Prácticas educativas transformadoras, con ferramentas concretas para levar a espazos educativos.

O curso celébrase nun lugar moi especial, o Albergue Abeiro da Loba. Un espazo máxico en plena natureza, unha contorna perfecta para aprender, compartir e inspirarse.


Curso: Gamificando as Lentes Violetas

Cremos que o mellor xeito de aprender e promover valores é xogando. Ademais, nun momento no que a rapazada parece ter discursos altamente polarizados resúltanos fundamental achegarnos á mocidade con propostas que consigan captar a súa atención e as predispoñan a participar dende a curiosidade.

É por iso que en 2024 lanzamos este curso de 20h de duración, co que achegarr ás e ós profesionais que traballan con persoas mozas ferramentas lúdicas para a promoción da igualdade e a diversidade sexual e de xénero.

Nel compartimos dende pequenos xogos sinxelos de desenvolver e adaptar a calquera contido para motivar á participación ate  Grandes Xogos que mobilizan unha aprendizaxe vivencial e conducen a potentes reflexións grupais.  Xeramos tamén momentos de reflexión e ideación colectiva, nutríndonos mutuamente coas propostas, enfoques e discursos que mellor nos funcionan.

Tamén creamos unha guía para elaborar plans de igualdade en entidades socioeducativas. Nela contamos a nosa experiencia de xeito que poda servir de axuda a outras entidades semellantes á nosa.

Ademais, tamén queremos compartir con vós, algúns consellos para enfocar as cuestións de xénero nos campamentos, e algunhas aprendizaxes que sacamos, falando con diferentes profesionais, despois deste verán de experiencias.

lentes.violetas@aventeira.com

(+34)  722 349 483  /  (+34) 722 894 220

Proxecto subvencionado cun importe de 28.786,82€ pola Deputación da Coruña a través do programa de subvencións a entidades sen fins de lucro para o desenvolvemento de programas de políticas de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e loita contra a violencia de xénero no ano 2025.