Lentes violetas de igualdade para a educación non formal

Curso: Educación non formal con lentes violetas

O curso A educación non formal con lentes violetas buscou que seguiramos dándolle forma aos nosos lentes de xénero. A formación procurou achegar novas ferramentas, debater con outras e fomentar a autoexploración. É unha formación que confiou na sabedoría colectiva e que apostou por crear espazos seguros para o intercambio de ideas e de experiencias.

Ao longo do curso revisamos conceptos para partir dunha linguaxe común e tratar, despois, temas específicos da formación en xénero, coma a teoría queer, a transformación dos modelos afectivos ou a autodefensa. Ademais, exploramos resistencias e estratexias nas contornas educativas non formais e afondamos en metodoloxías para a educación en igualdade.

Encontro de profesionais do tempo libre: Xénero e educación non formal

O Encontro de Profesionais do Tempo Libre: Xénero e Educación Non Formal buscou afondar e compartir. Quixo constituírse nun espazo onde debater e crear dende unha perspectiva transformadora, reunindo a persoas que dedican o seu tempo laboral e/ou voluntario á educación non formal e ao tempo libre, creen na importancia da educación a prol da igualdade e queren atopar solucións e estratexias en colectivo.

Analizamos o panorama político do xénero na educación non formal no noso país, indagamos nas accións desenvoltas e nas potenciais, puxemos o corpo na construción de proxectos e iniciativas, afondamos nos modelos afectivos que vivimos e tecemos redes que -agardamos- perdurarán máis aló.

Se queres máis información sobre futuras edicións podes poñerte en contacto con nós nos teléfonos 722 349 483 e 722 349 493 ou no correo electrónico lentes.violetas@aventeira.com.

Estaremos encantadas de contarche!

Proxecto subvencionado nun 80% e cun importe de 13.116,88 euros pola Deputación da Coruña a través do programa de subvencións a entidades sen fins de lucro para o desenvolvemento de programas de políticas de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e loita contra a violencia de xénero no ano 2021.