Slide
Educación para a Igualdade de Xénero

Guía para elaborar plans de igualdade en entidades socioeducativas

woman-s-hand-showing-power-thunder-with-megaphone

O plan de igualdade pretende ser un conxunto de medidas que buscan acadar a igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes nas empresas, así como eliminar as discriminacións por razón de sexo. Estas medidas deben adoptarse despois de realizar unha diagnose de situación. Isto é o que nos di o artigo 46 da Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo.

Aínda que haxa toda a vontade do mundo, elaborar un plan de igualdade é todo un reto para unha entidade pequena e, particularmente, para unha cooperativa. O desenvolvemento normativo está orientado a empresas máis grandes, con máis persoas traballadoras, máis división orgánica de tarefas e máis recursos. Para entidades coma a nosa hai outras alternativas e outras posibilidades.

Con todo, nós decidímonos a sacalo adiante e, namentres camiñamos no noso propio proceso e co apoio económico da Deputación da Coruña, queremos deixarvos algúns tips e ideas que, agardamos, poidan ser útiles para quen esteades no mesmo punto ca nós. Non somos especialistas nestas cuestións. Só queremos achegar a nosa experiencia para amosar as solucións coas que demos para superar as dificultades que encontramos. Trátase dunha experiencia situada: somos unha cooperativa de traballo asociado galega conformada por sete persoas socias e facemos contratacións para períodos e proxectos moi concretos.

Por outra banda, esta páxina non está escrita en pedra. Pretende ser un espazo vivo para a recollida de ferramentas, instrumentos, consellos e boas prácticas que permitan que as entidades da economía social e as máis humildes sigamos axudándonos e compartindo para avanzar cara a utopía, sempre presente, de converter as nosas organizacións en lugares de plena igualdade.

Entón… facemos un plan de igualdade?
Neste apartado explicaremos cando é obrigatorio e cando non, amosaremos opcións que poden axudar a tomar decisións e entraremos noutras posibilidades para traballar a igualdade nas nosas organizacións.

Se somos cooperativa… que temos que saber?                                                                                                  Se sodes cooperativa, vaivos custar atopar a norma aplicable porque está presente na lexislación máis sorprendente. Deixamos aquí os detalles que nós coñecemos.

Non estamos soas: información, apoios e recursos
Atopamos neste apartado ligazóns a recursos, guías e formacións que nós atopamos moi útiles para elaborar o plan. Tamén deixamos nomes de entidades que poden apoiarvos durante o proceso.

Primeiros pasos: a composición da comisión negociadora
Deixamos aquí algunhas claves que a nós nos costou atopar: que hai que facer ao principio, como conseguir que estea presenta a representación sindical e que temas hai que tocar na primeira reunión.

A realización da diagnose: que, quen, canto e como
A diagnose implica meterse xa en materia: que elementos hai que medir, quen se vai encargar de facelo, como se vai facer, en que período… Recollemos neste apartado os elementos que nos foron sendo útiles e as obrigas legais.

Proxecto subvencionado nun 70% pola Deputación da Coruña, cun importe de 24.670,42 euros, a través do programa de subvencións a entidades sen fins de lucro para o desenvolvemento de programas de políticas de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e loita contra a violencia de xénero no ano 2023.