Slide
Educación para a Igualdade de Xénero

Guía para elaborar plans de igualdade en entidades socioeducativas

Se somos cooperativa... que temos que saber?

Se sodes cooperativa e non pasades o limiar das 50 persoas traballadoras por conta allea, podedes igualmente elaborar un plan de igualdade voluntario que terá en conta ás persoas socias traballadoras. E onde está a norma? Pois, sorprendentemente, na disposición adicional duodécima da lei 11/2023, do 8 de maio. As últimas preguntas do apartado de FAQ do Instituto das Mulleres resumen e detallan o contido desta disposición.

A Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado (COCETA) viña denunciando a falta de atención á especificidade cooperativa por parte da lexislación vixente. Con todo, dende a disposición que vimos de nomear supra, as cooperativas poden depositar os seus plans de igualdade, aínda que non conten con persoas traballadoras. 

De tódolos xeitos, hai que ter en conta varias cuestións. En primeiro lugar, trátase dunha normativa provisional, á espera dunha regulación posterior por parte dos “rexistros correspondentes”. En segundo lugar, trátase dun depósito e non dunha inscrición, pero a efectos de licitacións públicas pódese presentar o xustificante do depósito e, se fixese falta, dende a Subdirección de Relacións Laborais da Xunta de Galicia poderían emitir un certificado acreditativo para a súa presentación.

Por outra banda, hai dous documentos elaborados por COCETA que, se ben son anteriores a esta lei, poden servos de axuda. Un é a “Guía para a elaboración de plans de igualdade en empresas cooperativas”. Nesta guía noméanse unha serie de porqués, explícanse os procedementos e tamén se recollen varias fichas con documentos modelo.

O segundo denomínase “Análise do impacto nas cooperativas de traballo dos RD 901 e 902/2020. Solucións”. Resulta ben esclarecedora a súa lectura. Explica as claves para a aplicación da normativa nas cooperativas de traballo asociado, achega as principais problemáticas e detalla como superalas, nomea a xurisprudencia nos seus consellos e achega ferramentas nos anexos.

E, se estades feitas un lío, EspazoCoop, dentro do ámbito cooperativo, é a entidade de referencia en Galicia. Elas van saber como vai a lexislación e axudarvos a entrar en contacto con quen poida botarvos unha man.