Slide
Educación para a Igualdade de Xénero

Guía para elaborar plans de igualdade en entidades socioeducativas

Primeiros pasos: a composición da comisión negociadora

Actas, comunicación e parte empresarial

En primeiro lugar, para desenvolver un plan de igualdade cómpre decidilo e que esta decisión figure nunha acta do órgano no que se tomase, sexa este Asemblea ou Consello Reitor. Despois, cómpre informar a tódalas persoas vinculadas á entidade e, logo, conformar unha comisión negociadora, na que estean representadas empresa e persoas traballadoras

A comisión negociadora estará formada, como máximo, por seis persoas: a metade delas da parte empresarial e, a outra metade, da parte social. O Consello Reitor deberá nomear ao equipo negociador que conformará a parte empresarial. Pero, que pasa coas persoas traballadoras? Se non hai representación sindical da parte traballadora, como se asegura a súa participación? Ben, hai xeito, aínda que non é sinxelo.

Parte social: o recoñecemento dos sindicatos máis representativos

En ausencia de representación das persoas traballadoras, son os sindicatos máis representativos do sector ao que pertenza a empresa, que conten con lexitimidade para conformar a comisión, os que farán parte dela. E cales son? Pois, para sabelo, hai que facer unha solicitude e pagar unha taxa.

Cómpre entrar na Sede Electrónica da Xunta de Galicia e, na pestana trámites, elixir a solicitude xenérica PROO4A e tramitala en liña. Estará dirixida á Dirección Xeral de Relacións Laborais, dentro da Consellería de Promoción do Emprego e da Igualdade. Cómpre recoller no documento que se está a solicitar un certificado dos sindicatos máis representativos para a negociación do plan de igualdade, especificando o sector e o ámbito territorial da empresa.

Ademais, hai que pagar as taxas, incluíndo os seguintes códigos na páxina da Atriga:

Consellería de Emprego e Igualdade: código 17

Delegación de Servizos Centrais: código 13

Servizo de Emprego: código 05

Taxa: código 300400

Para calquera dúbida, podedes dirixirvos a este correo electrónico: relacionslaborais.emprego@xunta.gal.

Contacto e xuntanza cos sindicatos

Chegaravos un certificado da Dirección Xeral de Relacións Laborais co nome dos sindicatos. Entón, teredes que poñervos en contacto con eles para convocalos a unha reunión para conformar a comisión negociadora. Hai que facelo por escrito e obter, tamén, unha resposta por escrito no prazo de dez días. É interesante que chegue esta resposta, tanto da participación, como da non participación, para o caso de xustificar que non estea presente un sindicato que si é representativo do sector.

A nosa recomendación: insistide moito, chamade moito, buscade contactos directos e convocade con antelación dabondo. Adoitan estar moi a tope e non resulta sinxelo que poidan participar. Nas guías do apartado correspondente tedes modelos para esta comunicación, que nós fixemos por correo electrónico.

Primeira reunión: conformación da comisión negociadora

A reunión entre a parte empresarial e a parte social pode facerse online. Nós enviamos previamente a ligazón á sala de reunións, así como a axenda e o borrador de estrutura de acta, para ir completando durante a propia reunión. Na axenda incluímos os seguintes temas que, no borrador de acta, viñan desglosados e detallados, para traballar sobre eles:

Lugar: 

Data: 

Hora: 

Persoas convocadas:

  • En representación da empresa:
  • En representación das persoas traballadoras, a través dos sindicatos máis representativos: 

Temas a tratar:

  • Constitución da Comisión Negociadora
  • Establecemento das funcións e competencias da Comisión
  • Acordo sobre o regulamento e funcionamento interno da Comisión
  • Comunicacións dentro da comisión
  • Pautas para a modificación das persoas que integran a Comisión Negociadora
  • Acordo de confidencialidade
  • Próximos pasos, seguinte reunión e compromisos para a realización da diagnose
  • Outros temas

Nas guías do Ministerio tedes modelos de actas para a constitución da comisión, así como de regulamentos internos e de acordos de confidencialidade.

A partir da constitución da comisión tedes un ano para aprobar e rexistrar o plan de igualdade.