Slide
Nós

Proceso para a incorporación dunha nova persoa socia

Comezamos unha nova etapa en Aventeira! Gustaríanos incorporar ao proxecto a unha nova persoa socia, que comezase como persoa socia a proba, así que lanzamos un proceso aberto a tódalas persoas que queirades sumarvos a esta aventura para que nos enviedes a vosa candidatura. 

Aventeira supuxo un antes e un despois nas nosas vidas. Resulta, moitas veces, un traballo agradecido e emocionante, pero tamén, algunhas outras, retador, complexo e absorbente. Contámosvos!

O modelo de traballo

Somos unha cooperativa sen ánimo de lucro. Isto significa que hai certos límites aos nosos salarios e que non repartimos excedentes ao final do ano. 

Cotizamos polo réxime de autónomos. Moitos dos dereitos aos que se está acostumado cotizando no réxime xeral desaparecen ou cambian. Aínda así, o noso Regulamento de Réxime Interno recolle decisións propias para favorecer a conciliación das persoas socias. Podedes facernos todas as preguntas que queiras sobre este RRI durante a fase de entrevistas, da que vos falaremos despois.

O noso salario, agora mesmo, é o que recolle o III Convenio colectivo marco estatal do sector de ocio educativo e animación sociocultural para a figura da coordinación de proxectos pedagóxicos de ocio e tempo libre. Pero non sempre foi así nin ten que seguir séndoo no futuro. Ao longo dos cinco anos de vida de Aventeira foi variando e adaptándose ás necesidades das persoas socias e ao devir do proxecto.

Traballamos 40 horas á semana de media (se nunha semana facemos máis horas, compensamos facendo menos noutras) e temos 9 horas de horario obrigatorio: tres horas as mañás dos luns e dos xoves e tres horas as tardes dos mércores, que é o día no que habitualmente facemos xuntanzas online. Desfrutamos de 22 días hábiles de vacacións e podemos dedicar ata un 4% da nosa xornada a realizar formacións que poidan resultar de utilidade para a cooperativa.

Unhas cinco veces ao ano desconectamos do mundo e xuntámonos durante algúns días, de xeito presencial, para tomar as decisións estratéxicas da cooperativa, indagar e sacar novas ideas, traballar xuntas e, moitas veces, profundar nos conflitos que xorden no día a día. Ser socia da cooperativa supón estar disposta a abrirse, entrar ao miúdo e ser quen de facer cambios nas tendencias persoais para contribuír ao ben común.

Ás veces “curramos” cando a xente descansa: ter que dedicar algunhas fins de semana e períodos vacacionais a desenvolver proxectos é parte do noso día a día, ao dedicármonos a un sector que cobra protagonismo nestes períodos.

E, finalmente… todo, ou case todo o que recollemos ata agora, pode cambiar. As sete persoas socias de Aventeira formamos parte do Consello Reitor e estamos dispostas a ir transformando o modelo organizativo e os proxectos que desenvolvemos para adaptarnos á vontade das persoas socias e ás necesidades socioecónomicas da contorna.

As peculiaridades dunha cooperativa

A entrada na cooperativa comeza coa figura de “persoa socia a proba”, que dura cinco meses. Pola nosa política interna, durante este período a persoa que se incorporase faríao como unha máis, participando na toma de decisións igual que o resto. Pasado ese período as dúas partes -as sete persoas socias de Aventeira, por un lado, e a persoa que se incorporase, por outro- acordaríamos se se produce a incorporación definitiva. 

No caso de que si se fixese, é neste segundo momento onde se achegaría o chamado capital social e se farían tódolos trámites para pasar a engrosar a Asemblea e o Consello Reitor da cooperativa. No caso de entrar na coope podemos ver como abordar este tema de xeito personalizado, para que non supoña unha barreira para ninguén, e recorrendo ás axudas públicas para favorecer o emprendemento social cooperativo, as APROL.

Para entón estaríamos, de seguro, moi contentas de celebrar o sexto aniversario sendo, xa, oito.

Se queredes saber máis sobre esta cuestión, podedes visitar o apartado de recursos da nosa páxina web.

O perfil que precisamos

Consideramos imprescindible que a persoa que se incorpore:

  • Comparta os valores da cooperativa, que se poden consultar na nosa web.
  • Resida na provincia da Coruña (ou estea disposta a mudarse para entrar na cooperativa).
  • Conte con carné de conducir.
  • Teña capacidade para empregar o galego nos contextos laborais.
  • Estea disposta a traballar durante unha parte importante dos períodos vacacionais e nalgunhas fins de semana.
  • Teña capacidade e competencias para desenvolver formacións e acompañamento de obradoiros e intervencións en materia de xénero e de mediación de conflitos.

Ademais, valoramos que a persoa que presente a súa candidatura:

  • Teña o título de Dirección de Actividades de Tempo Libre.
  • Conte cunha titulación formal no eido educativo.
  • Atesore experiencia no tempo libre e/ou relativa ás competencias recollidas supra.
  • Posúa coche propio.
  • Desfrute da comunicación por redes sociais e non lle importe asumir funcións relacionadas con esta cuestión.

Procedemento para presentar a candidatura e tempos

Podedes presentar a vosa candidatura a través deste formulario. O formulario pide que subades varios documentos obrigatorios: o voso CV e unha carta de motivación. Gustaríanos saber por que queredes formar parte do proxecto e que vos impulsa a presentarvos para formar parte del. Ademais, permite que acheguedes tamén un vídeo, para o caso de que prefirades empregar tamén esa vía para que vos coñezamos e complementedes, deste xeito, as cuestións que subliñedes na carta.

Os prazos son os seguintes:

  • O formulario estará aberto dende a publicación do proceso ata o día 1 de setembro, inclusive.
  • Entre o 2 e o 5 de setembro realizaremos unha primeira preselección e escribirémosvos co resultado.
  • Entre o 9 e o 12 de setembro terán lugar as entrevistas online ás persoas preseleccionadas.
  • Entre o 27 e o 28 de setembro tomarase a decisión e comunicarase, entre o 28 e 30 dese mes, a tódalas persoas que realizaron as entrevistas.
  • Gustaríanos que a incorporación a proba se realizase o 15 de outubro.
  • Se todas as partes estivésemos de acordo, a incorporación definitiva tería lugar o 15 de marzo do 2025.

Só valoraremos candidaturas que se presenten seguindo as canles e as pautas establecidas.

Se o estades pensando e vos entran dúbidas, podedes escribirnos a aventeira@aventeira.com ou chamar ao teléfono 722 342 658.

Agardámosvos con moita ilusión!