Slide
Dinamización Xuvenil, Cultura, Lingua e Lecer
Dinamización e Participación Xuvenil
Cultura e Lingua Galega
Grandes Xogos e Ocio Alternativo
Xogos de Mesa

Dinamización e Participación Xuvenil

Aínda que traballamos con grupos de idades moi dispares, non podemos negar que temos unha conexión especial coa mocidade. Entendemos á rapazada como un colectivo a míudo esquecido ou incluso estigmatizado. Gústanos ter a oportunidade de participar en proxectos que doten á mocidade de ferramentas e habilidades para a súa participación social e a súa implicación cultural.

Achegamos a este tipo de actividades as nosas destrezas educativas, a nosa experiencia en espazos de convivencia e diálogo e tamén os nosos coñecementos en facilitación e mediación de procesos.

entreculturas

En novembro de 2022 colaboramos na Asamblea da Rede Solidaria de Mozos e Mozas de Entreculturas, en Noia, orientando os procesos de participación da rapazada e transformando as súas inquedanzas en plans de acción social cidadá.

club de debate

Na primavera do mesmo ano, estivemos nas finais do Club de Debate, participando da dinamización do mesmo, acompañando ás participantes e atendendo ás súas necesidades durante o evento, no que desenvolveron as súas habilidades comunicativas nun contexto de diálogo en lingua galega.

Queres organizar un proceso de organización colectiva ou participación xuvenil coa rapazada da túa vila, escola ou comunidade, en xeral? Estamos desexando poder formar parte dese proceso! Cóntanos máis, e seguro que podemos axudar 😀

Cultura e Lingua Galega

As cifras que amosan o nivel de coñecemento da lingua por parte da mocidade decaen cada ano. Por iso nós sentimos a responsabilidade de contribuír ao mantemento da nosa lingua, que expresa unha maneira única de sermos e estarmos no mundo.

Dende o ano 2021 Aventeira está no catálogo Ler Conta Moito da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. No mesmo, presentamos tres actividades ás que nos gusta chamar de “narración participativa”. Cun forte compoñente de teatralización, as personaxes protagonizan para as participantes unha historia na que a súa implicación é clave para a resolución. Así, os nenos e nenas ou mozos e mozas que asisten non son espectadores, se non que participan activamente nos xogos, dilemas e diálogos que lles propoñen as personaxes.

As tres actividades que ofrecemos no Ler Conta Moito son Os monstros tamén teñen sentimentos, no que a mitoloxía galega serve como marco para unha historia sobre diversidade e inclusión, Literautoras, na que a historia da lingua e o patrimonio cultural son as protagonistas e Cambiando o conto: Carapuchiña Vermella, onde deconstruímos o conto clásico con perspectiva de xénero.

LER-CONTA-MOITO-062
apalpador

Pero cando se achega o Nadal, a quen realmente están a agardar en moitas casas galegas é ao Apalpador, o carboeiro do Courel, que baixa das montañas con castañas ao lombo e mil contos que contar.

Hai xa un par de anos que o noso Apalpador visita algunha escola para compartir a súa historia, escoitar aos cativos e cativas e bailar con elas a súa canción preferida.

Se queres que o Apalpador visite a túa escola ou vila, avísanos con tempo para poder facerlle chegar o recado antes de que se poña en marcha no vindeiro mes de decembro!

No último trimestre de 2021 a Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia financiou o programa Vive a Lingua, composto por dous grandes xogos, que realizamos en cinco vilas e en tres provincias diferentes do territorio galego.

Estes xogos, A casa do Mago O misterio das pantasmas, dirixidos a rapazada entre 8 e 17 anos, tiñan o obxectivo de promover o uso do galego e achegar a riqueza cultural da nosa terra ás máis novas.

As actividades, fortemente teatralizadas e dinamizadas, tiveron unha moi boa crítica por parte dos e das participantes. Tanto que estamos a traballar nunha posible segunda edición!

20211101_133928

Grandes Xogos e Ocio Alternativo

Xogos de Mesa