Slide
Formación e
Facilitación

En Aventeira temos experiencia e formación en facilitación, dinamización de grupos e gamificación. Podemos deseñar unha intervención que axude a acadar os obxectivos dun grupo, coidando ás persoas e o proceso no camiño. Tamén contribuímos á construción de espazos sectoriais de debate e de co-creación. A nosa dinamización de reunións, encontros e faladoiros busca facer máis atractivas, rápidas e construtivas as contornas grupais.

Captura

Por exemplo, acompañamos a Scolé S. Coop. Galega na súa construción e posta en funcionamento, facilitando as súas xuntanzas de indagación, toma de decisións e xestión emocional.

Ademais, como entidade formativa, realizamos cursos relacionados coa educación en valores e o tempo libre educativo, sempre a través de metodoloxías participativas e confiando na forza da intelixencia colectiva.

Algúns deles son:

  • Xogos de mesa como ferramenta educativa
  • Os campamentos como espazos de participación
    Máis información
    Os campamentos como espazos de participación
  • Ferramentas online para a organización xuvenil
  • Emocións e coidados nos equipos de traballo
  • Técnicas de campismo
  • Cursos e obradoiros de dinámicas da risa

Formación online

Desenvolvemos accións educativas en contornas virtuais, adaptando as metodoloxías participativas propias da educación non formal a espazos dixitais. Entre os cursos que ofrecemos, destacamos:

Educación en valores no tempo libre

A finalidade desta formación é a de dar unha perspectiva ampla do que significa educar en valores, analizar a realidade da educación no tempo libre dende unha perspectiva crítica e obter e crear recursos para levar a educación en valores ás actividades.

Os campamentos como espazos de participación: ferramentas e debates

Esta formación busca profundar no concepto de participación, achegar debates sobre a participación nos campamentos e nos seus equipos educativos, traballar a importancia dos diferentes espazos dos grupos para fomentar o coidado dos mesmos, así como para conseguir unha participación de calidade, e proporcionar ferramentas para promover a participación.

A continuación, deixamos algunhas testemuñas das nosas alumnas:

Quérovos felicitar e dar as grazas polo xogo e polo curso, é un dos cursos nos que máis aprendín e adorei a maneira na que ensinades (…). Encantoume, moitos parabéns!

Sen dúbida é o curso online que máis aproveitei de todos os que fixen. Aínda que as propostas dan máis traballo que en moitos dos cursos de este tipo, creo que tamén foron moito máis enriquecedoras

Quería aproveitar para agradecervos tamén o feedback recibido ao longo do curso, pois entendo que mandar unha mensaxe individualizada a cada persoa en cada tarefa é un gran traballo, pero sen dúbida é un xesto que se agradece dende o outro lado da pantalla

Educación para a igualdade

Moitas das formas de mirar fómolas asumindo de xeito inconsciente ao longo da nosa socialización neste presente e neste lugar. Con todo, tamén podemos aprender a ollar ao noso arredor de xeito diferente. Podemos educar a mirada.

Por iso, realizamos formacións arredor dunhas lentes, as lentes violetas, que serven para percibir estereotipos sexistas, discriminacións por razón de xénero e/ou orientación sexual, microviolencias, machismos do día a día, cosificacións e un longo etcétera.

As formacións que desenvolvemos buscan darlle forma a estas lentes, para que, aínda que haxa tantos xeitos distintos de lentes coma persoas participen nelas, todas e todos poidan construír a súa mirada consciente ante as desigualdades de xénero e as violencias que as sosteñen.

Acompañamentos formativos a entidades socio-educativas e de tempo libre
Axudamos á túa entidade dun xeito práctico e sinxelo a aplicar o enfoque de igualdade á túa organización e actividades 

Curso avanzado en igualdade para a educación non formal
I – A igualdade en perspectiva: unha viaxe en busca dos porqués e dos sentidos dos debates
II – Prácticas educativas transformadoras: ferramentas para mudar a realidade
III – Olladas queer ante a educación no tempo libre
IV – A transformación dos modelos afectivos e a educación afectivo-sexual
V – Espazo non mixto: Autodefensa feminista / Masculinidades alternativas
VI – Construír o cambio dende as experiencias vividas