Slide
Cursos de Tempo Libre e outras Formacións
Escola de Tempo Libre
Outras formacións
Formación en liña
Acompañamento de grupos

Escola de Tempo Libre

En Aventeira Escola de Tempo Libre impartimos os cursos oficiais da Xunta de Galicia de Monitorado de Actividades de Tempo Libre, Dirección de Actividades de Tempo Libre e Dirección de Campos de Voluntariado, así como outras formacións para as e os profesionais da educación non formal.

Levamos realizados un total de cinco cursos de MTL na cidade da Coruña ou arredores, así como un curso de Dirección de Campos de Voluntariado en Ourense e un curso de Dirección de Tempo Libre na Coruña.

Dende Aventeira Escola buscamos formar a profesionais do tempo libre para que desenvolvan a súa actividade cunha perspectiva educativa transformadora e con ilusión e paixón polo que fan. Non entendemos a formación teórico-práctica só como a adquisición de coñecementos e recursos, senón tamén como un espazo de construción, participación e reflexión. A nosa vocación pasa por educar dende do ocio e tempo libre e así queremos transmitilo ao alumnado.

Nos cursos empregamos técnicas participativas propias da educación non formal e da facilitación de grupos. A metodoloxía empregada permite dotar dun amplo abano de ferramentas ao alumnado para poder achegar contidos de xeito dinámico, activo e participativo ao longo do seu desenvolvemento posterior como profesionais da educación non formal.

469EDA69-2A32-44E9-A6D0-F9DC3EAAEC73

Se es un concello ou outra entidade que desexa organizar un curso, ponte en contacto con nós e procuraremos pór os medios para realizalo.

Recentemente comezamos a impartir o curso de Monitorado de Actividades de Tempo Libre do concello de Ames. Está a ser toda unha experiencia para nós, e estamos moi contentas de poder ter esta oportunidade.

Tamén temos colaborado con outras Escolas de Tempo Libre, como Xaruma ou Altair Galiza, poñéndonos a cargo de parte da súa formación. Se colaboras ou participas nunha ETL e precisades persoas formadoras especialistas nalgún dos módulos ou áreas dos cursos de Tempo Libre, non dubides en contactarnos.

Para contactar directamente con Aventeira Escola escribe a:

Outras formacións

Como entidade formativa, realizamos cursos relacionados coa educación en valores e o tempo libre educativo, sempre a través de metodoloxías participativas e confiando na forza da intelixencia colectiva.

Algúns deles son:

  • Educación emocional e coidados
  • Xogos de mesa como ferramenta educativa
  • Os campamentos como espazos de participación
    Os campamentos como espazos de participación
  • Ferramentas online para a organización xuvenil
  • Técnicas de campismo
  • Cursos e obradoiros de dinámicas da risa

No ano 2022 a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia incorporou o noso curso “Educación emocional e coidados” no seu Plan de Formación. O resultado foi unha fin de semana intensa de ilusión, convivencia e moita aprendizaxe para as persoas participantes.

photo_2022-05-16_15-25-18 (1)
photo_2022-05-16_15-26-10 (1)
photo_2022-05-16_15-24-54

Formación en liña

Desenvolvemos accións educativas en contornas virtuais, adaptando as metodoloxías participativas propias da educación non formal a espazos dixitais. Destacamos na nosa oferta os dous cursos que a DXXPV da Xunta de Galicia incorporou no seu Plan de Formación en 2020.

Educación en valores no tempo libre

A finalidade desta formación é a de dar unha perspectiva ampla do que significa educar en valores, analizar a realidade da educación no tempo libre dende unha perspectiva crítica e obter e crear recursos para levar a educación en valores ás actividades.

Os campamentos como espazos de participación: ferramentas e debates

Esta formación busca profundar no concepto de participación, achegar debates sobre a participación nos campamentos e nos seus equipos educativos, traballar a importancia dos diferentes espazos dos grupos para fomentar o coidado dos mesmos, así como para conseguir unha participación de calidade, e proporcionar ferramentas para promover a participación.

A continuación, deixamos algunhas testemuñas das nosas alumnas:

Quérovos felicitar e dar as grazas polo xogo e polo curso, é un dos cursos nos que máis aprendín e adorei a maneira na que ensinades (…). Encantoume, moitos parabéns!

Sen dúbida é o curso online que máis aproveitei de todos os que fixen. Aínda que as propostas dan máis traballo que en moitos dos cursos de este tipo, creo que tamén foron moito máis enriquecedoras

Quería aproveitar para agradecervos tamén o feedback recibido ao longo do curso, pois entendo que mandar unha mensaxe individualizada a cada persoa en cada tarefa é un gran traballo, pero sen dúbida é un xesto que se agradece dende o outro lado da pantalla

Acompañamento de grupos

En Aventeira temos experiencia e formación en facilitación, dinamización de grupos e gamificación. Podemos deseñar unha intervención que axude a acadar os obxectivos dun grupo, coidando ás persoas e o proceso no camiño. Tamén contribuímos á construción de espazos sectoriais de debate e de co-creación. A nosa dinamización de reunións, encontros e faladoiros busca facer máis atractivas, rápidas e construtivas as contornas grupais.

Captura

Por exemplo, acompañamos a Scolé S. Coop. Galega na súa construción e posta en funcionamento, facilitando as súas xuntanzas de indagación, toma de decisións e xestión emocional.