Slide
Mediación Escolar e Obradoiros Educativos
Mediación Escolar
Emprendemento Social e Cooperativismo
Educación en Valores

Mediación escolar

Levamos dende 2021 dinamizando sesións sobre mediación de conflitos, xestión emocional e comunicación non violenta para alumnado de distintos centros educativos e distintas idades, de toda Galicia. Comezamos traballando da man do Concello de Oleiros no seu programa de mediación, pero pronto comezaron a chegar demandas doutros centros, especialmente Institutos de Educación Secundaria.

mediacion

Sentámonos no lume do conflito coa rapazada e coa xuventude participante, poñendo o foco sempre no traballo persoal e na xestión emocional. Fronte a un seguimento do cumprimento das normas de convivencia centrado no control por parte do profesorado, cremos -e tratamos de impulsar- un modelo de transformación positiva do conflito e de convivencia baseado na comunicación non violenta, no sentido do común e na mediación entre pares.

Algúns dos centros cos que traballamos, poñendo en marcha equipos de mediación ou, polo menos, dando ferramentas para os procesos de mediación da escola, foron:

  • IES A Sardiñeira (A Coruña)
  • IES As Mariñas (Betanzos)
  • IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz)
  • Ata catro CEIPs e tres IES diferentes do Concello de Oleiros

Precisas axuda para poñer en marcha os equipos de mediación no teu centro educativo? Chámanos!

Emprendemento social e cooperativismo

Como explicamos neste artigo, sermos cooperativa é, para nós, moito máis que unha fórmula xurídica.

Por ese motivo servímonos das ferramentas da educación non formal para achegar modelos e ferramentas para a organización colectiva á infancia e á mocidade. A nosa intención non é outra que a de facilitar e apoiar a formación de asociacións, cooperativas e outras agrupacións que, dende a iniciativa colectiva, pretendan facer do mundo un lugar mellor.

Nese sentido, estamos moi contentas de levar dende o 2020 ao cargo do Proxecto Semente do Concello da Coruña. Neste programa achegamos competencias relacionadas co emprendemento, a economía social e a cooperación ao alumnado de educación primaria. 

Con este proxecto tratamos de que a rapazada coñeza a perspectiva que nos trae a economía social, os valores que se enraízan no mundo cooperativo, as habilidades necesarias para o emprendemento de proxectos, a necesidade de axuda mutua e coidados nos espazos colectivos e a toma de decisións democrática e participada. Deixamos, en fin, sementes en cada cole, que agardamos que supoñan unha comunidade presente e futura máis xusta e solidaria. 

Educación en valores

Achegar á rapazada en idade escolar valores fundamentais como a democracia, a solidariedade, o respecto ao medio ambiente, a non violencia ou a igualdade é unha das nosas razóns de ser. Por iso estamos sempre indagando novas ideas de chegar aos centros educativos con propostas educativas orixinais, divertidas e cun importante impacto social.

woman-s-hand-showing-power-thunder-with-megaphone

Vimos facendo moito traballo educativo con rapazada en relación á igualdade de xénero e a diversidade afectiva e sexual. Se queres saber máis, podes consultar a sección de Educación para a Igualdade da nosa web facendo clic nesta imaxe 🙂