Quenda 1. Día 4. Río arriba!

O cuarto día de campamento, a pesar de que o tempo non axuda, estivo cargado de aventuras, deporte e diversión. As pintorescas personaxes que nos presentaron os diferentes xogos predeportivos, entre o que se atopaba o desexado tiro con arco, foron só unha pequena parte das sorpresas.

Houbo grupos que pasaron tamén pola auga, tanto na piscina como no río Lérez, desfrutando da práctica do kaiak e das fantásticas paisaxes que nos ofrece a fraga da Terra de Montes.

Pola noite, aínda que choveu con moita forza, fumos quen de levar a cabo unha velada sobre as diferentes personalidades e formas de ser, que ademais de resultar moi divertida nos permitiu aprender a valorar a diversidade das persoas que nos rodean.