Quenda 3. Día 3. Enredando cos contos

Quenda 3. Día 3. Enredando cos contos

Un novo día ábrese paso no Bosque Máxico de Candilexas. Tras enchernos de enerxía no almorzo e espertar os nosos corpos no Actívate, continuamos coas diferentes actividades. Na pausa do petisco de media mañá, dous trasnos con gañas de enredar viñeron a facer das súas e de paso, axudarnos a saber como recuperar os nosos obxectos perdidos.

Tralo xantar tivemos tempo libre, que cada unha de nós escolle como desfrutar entre opcións moi variadas. As máis enérxicas poden empregar as pistas e o material para disputar un partido nas pistas ou ampliar os seus coñecementos circenses na zona de arboleda. Namentres, aquelas máis tranquilas poden desfrutar dunha variedade de xogos de mesa ou relaxarse no chill out. Nesta última zona, e sempre mantendo a atmosfera silenciosa, podemos xuntarnos nas colchos a ler, escribir ou facer pulseiras e trenzas de fío. Tamén dispoñemos dunha variada biblioteca, unha zona de hamacas para as máis preguiceiras e o Punto Lila, un espazo seguro no que as acampadas guían a conversa co acompañamento das monis.

Xa entrada a tarde, unha fada despistada e un cativo curioso pedíronnos axuda para darlle unha volta a algún dos contos máis coñecidos. Por grupos, ideamos novas e actualizadas versións de ditas historias, incluíndo as nosas inquedanzas sen perder o sentido do humor. Argallamos tamén como levalos a escena, repartimos as personaxes, ubicámolo no espazo… Estamos feitas todas unhas profesionais!

Pola noite, o noso Bosque Máxico viuse invadido por unha serie de animais fantásticos atrapados por malvados dementores. Pero tranquilas! Colaborando entre todas conseguimos liberalos e devolvelos ao seu hábitat.

Despois de todo isto, só nos queda durmir, pois mañá será un día especial…

Apertas dende Candilexas 🙂