Imos preparando a despedida desta incrible aventura de viaxes por distintos países, lugares imaxinarios e fermosos momentos. Aquí voamos, co noso maxín, na mellor das compañías gozando do momento e dunhas amizades imperecedoiras.
Os recordos estarán frescos na nosa memoria un bo tempo pero para axudar a mantelos construímos un bonitos recordos en forma de camisetas tintadas.

Aproveitando que a nosa viaxe de hoxe levounos ata a illa indíxena da impro, aprendemos a facer seus típicos atrapasoños que agardamos que mañá estean xa decorando as habitacións da rapazada.



Non hai mellor xeito de que nos preste unha boa ducha que estar antes ben manchado, para sentir como nunca o poder reparador e purificar da auga e o xabón, así que … marchando unhas olimpíadas un pouco alternativas, cheas de barro e risas!

Foi tamén o momento de despedirse da nosa moi querida e socorrida piscina.

E durante a merenda as finais dos campionatos tan especiais que temos en Entrimo, con deportes tan peculiares como o espaguetti ou o ninja.

Momento de despedirse dos xogos de mesa tan estraños que coñecemos aquí, que tantas horas de tempo libre encheron e tanto nos fixeron desfrutar.

E un momento cume do día foi o das actuacións finais, na illa da impro, que foi moi moi divertido e puidemos apreciar o talento agochado que teñen estas cativas e cativos


A festa final foi un colector xigante de diferentes propostas, variadas e divertidas, nas que non faltou a música, claro! E xa para finalizar, a última asemblea, onde puidemos escoitar fermosísimas palabras que resumiron esta experiencia e que nos fixeron, a moitas, encollernos o corazón.
