Hoxe o día transitou polos costumes celtas e a súas deidades que nos esperaron cunha música propia do Festival de Ortigueira e que nos conectou coa Natureza, moi presente en todo o día.
Xa ben cedo algúns quixeron tocar o ceo onde viven os deuses trepando polo rocódromo e algunha parecía mesmo máis un lagarto que unha rapaza do áxil que demostrou ser na parede.


Os dominios de Poseidón e Neptuno están sendo os preferidos de todas e todos. será pola calor?

Aos deuses gústanlle moito os pequenos dramas da xente mortal, así que os xogos de teatro estarán moi presentes estes días, como por exemplo exercicios de expresión corporal ou artes circenses cos malabares.


Na tarde tivemos ocasión, da man das deidades celtas, afondar no coñecemento da natureza e valorar así a nosa contorna e as súas ameazas con pequenos desafíos e unha mirada artística.



E despois da merenda tamén tivemos que axudar aos deuses (que para ser tan plenipotenciarios, moita axuda precisan todo o tempo, non?) a recuperar a música que lles rouban do Olimpo, e para iso tiveron que ir superando diversas probas.

E xa na noite a axuda aos deuses volveuse un fascinante xogo nocturno cheo de misterio, maxia e conectado a cultura tradicional a través da música que o envolvía todo.


