
Achegas
8 claves do borrador do novo decreto do tempo libre galego
Nun plenario final daqueles Interactuandos no Tempo Libre, que tanto botamos de menos, onde nos xuntabamos as persoas do sector para parolar e imaxinar futuros, unha actuación tíñanos ben atentas e atentos: dúas persoas sacaban da terra unha norma moi, moi antiga, que parecía estar escrita en pedra: o 50/2000.
É ese o nome do Decreto que, coas pequenas modificacións que o seu irmán, o 58/2012, trouxo para achegarnos un pouquiño máis á lexislación europea, rexía e rexe o sector do tempo libre. Ata o de agora. Parece que o borrador de novo decreto, que tanto debatemos, discutimos e soñamos durante varios anos, está por fin a piques de facerse realidade.
O proceso lexislativo avanza, e iso significa que, ata o 23 de outubro, está aberto un prazo de suxestións ao Proxecto de Decreto polo que se desenvolve o Título II da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia no portal de transparencia da Xunta de Galicia. Non deixedes de lelo e achegar a vosa voz. Nós xa nos reunimos durante nada máis –e nada menos- que tres horiñas para consensuar as nosas propostas!
Pero en fin, que o que vimos facer aquí é trasladarvos as que –consideramos- son as principais novidades do decreto naqueles apartados que coñecemos máis: o título II, dedicado a formación; e o título III, que versa sobre as actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil. E, ademais, achegamos algunhas consideracións xerais. Comezamos!
1. Un tempo libre educativo.
Os cursos servirán para formar profesionais de “actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil”. De educación. As actividades que levamos a cabo son: “actividades educativas de tempo libre”. Por fin saímos do debate educación-diversión e asumimos que o tempo libre educa, acompaña no crecemento e transforma.
→ Artigos: 25 e título III.
2. Máis aló da pernocta
O 50/2000 esquecía todas aquelas actividades de tempo libre que non incluían un mínimo de tres noites fóra da casa. Co novo decreto, todo queda regulado, dende un campamento urbano, ata unha extraescolar, pasando por unha excursión ou unha animación.
→ Artigos: 36 e 37.
3. Tipoloxías de actividade
Segundo a normativa pasa a haber tres grandes bloques de actividades. Son:
– Actividades suxeitas a declaración responsable: actividades con pernocta de seis noites consecutivas ou máis.
– Actividades suxeitas a comunicación previa: campamentos urbanos e actividades con pernocta de menos de seis noites consecutivas.
– As demais actividades: obradoiros, eventos recreativos, excursións, actividades puntuais na natureza, etc.
→ Artigo: 47.
4. Cambian os ratios
Se antes nos atopabamos coa norma xeral do 1/10, á que se sumaba a coordinación da actividade, agora a realidade, da man da cuestión anterior, pasa a ser máis complexa.
– Nas actividades con pernocta de seis noites ou máis: o ratio será 1/8 para as actividades con crianzas de ata 8 anos, de 1/10 se estas teñen entre 9 e 17 e, de 18 en adiante, o ratio será de 1/15. A persoa que coordina a actividade non entrará dentro da conta.
– Nas demais actividades: o ratio será 1/10 para as actividades con crianzas de ata 8 anos, de 1/15 se estas teñen entre 9 e 17 e, de 18 en adiante, o ratio será de 1/20. A persoa que coordina a actividade tense en conta á hora de calcular estes ratios.
Nas actividades nas que non hai control parental ou cuxos participantes non son maiores de idade requirirán un equipo técnico de, cando menos, dúas persoas. Ademais, de haber casos de discapacidade entre as persoas participantes, os ratios aumentan. O persoal en prácticas non se terá en conta para calcular os ratios. Finalmente, como ata o de agora, a metade do equipo pode non ter o título de monitor/a de actividades de educación no tempo libre, mais debe estar cualificado pertinentemente para as tarefas que vai realizar.
→ Artigo: 39.
5. Persoal sanitario e coñecemento en primeiros auxilios
Tódalas actividades de tempo libre pasan a requirir a presenza dunha persoa con “formación mínima” en primeiros auxilios. Esta figura asume en todos os casos certas tarefas: a aplicación de primeiros auxilios, o mantemento do botiquín e o coñecemento dos recursos sanitarios da contorna.
Ademais, aquelas de 50 participantes ou máis que estean a máis de 15 quilómetros de distancia dun Punto de Atención Continuada (PAC) requirirán que o responsable sanitario sexa médica/a, graduada/o en enfermería ou equivalente. No resto de actividades esta responsabilidade será asumida pola coordinación da actividade.
→ Artigo: 45.
6. A consideración de profesional de tempo libre
Xa non é competencia exclusiva das Escolas de Tempo Libre (ETL) formar ás persoas profesionais do noso eido, entran na ecuación os centros que imparten os certificados de profesionalidade. Para ser “moni” cómpre ter o título de de monitor ou monitora de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil, o certificado profesional de dinamización de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil ou un título do sistema educativo que inclúa completamente a cualificación profesional correspondente. O mesmo acontece para ser “dire”, fai falta título de dirección das escolas, o certificado de profesionalidade de dirección e coordinación ou a cualificación profesional vía outros títulos educativos.
→ Artigo: 38.
7. As horas de formación cambian
A parte teórico-práctica do curso de monitorado impartido polas ETL pasa de supor unha duración de 200 horas a só 150. E, no senso contrario, o curso de dirección aumenta a súa duración: a parte teórico-práctica pasa de 150 horas a 200 horas. Repetimos: 150 monis, 200 dires. As prácticas serán de 160 horas no caso do monitorado e de 120 no caso da dirección.
→ Artigos: 26 e 27.
8. Novas formacións oficiais
Chegan novas formacións oficiais, aínda que os seus contidos están sen desenvolver e concretaranse nunha futura orde. Son: formador/a en escolas de educación no tempo libre, especialista en atención á diversidade en actividades educativas de tempo libre e especialista na xestión do fomento da igualdade de xénero nas actividades educativas de tempo libre, ademais de outras que poida considerar a Consellería no futuro. Continúa existindo o curso de dirección de campos de voluntariado.
→ Artigos: 25, 28, 29, 30 e 31.
Este decreto, como vedes, trae cambios profundos e transformacións polémicas. Nalgúns apartados bebe do debate exhaustivo entre diferentes axentes a través das distintas canles de participación impulsadas dende o sector e apoiadas, no seu día, dende a administración autonómica. Noutros, supón unha adaptación á aposta por un camiño concreto no eido da formación e das habilitacións profesionais, e quizá elimine pluralidade e concentre as liñas de acción, probablemente en detrimento de certas cuestións.
Con todo, non é a idea deste artigo amosar un posicionamento político, que faremos a través das vías abertas para elo. Convidámosvos, a todas e todos, a empregar o instrumento dispoñible tamén, para achegar perspectivas diversas a un decreto que será o marco no que se desenvolverá o noso sector durante os próximos anos. Agardamos que se escoite a voz de quen vai ter que mollarse as mans de realidade á hora de aplicar a norma e que se retome a construción de espazos de participación onde o intercambio recíproco contribúa á posta en marcha de políticas públicas integradoras e útiles e á construción dun clima de saúde democrática.
Veña, compañeiros, compañeiras, quedan poucos días!