Slide
Artigos e
Achegas

Claves do novo convenio estatal de ocio educativo

O novo convenio estatal do ocio educativo e da animación sociocultural trae importantes novidades que melloran as condicións laborais das persoas traballadoras do noso eido. Dende Aventeira pensamos que o seguinte paso sería un convenio galego que respondese á idiosincrasia do noso país, así como unha mellor regulación do traballo nos campamentos con pernocta que dese conta, realmente, da excepcionalidade que supoñen. Con todo, mentres todo isto non se converte en realidade, cremos que este III convenio colectivo que regula o tempo libre constitúe unha boa nova e un avance significativo. Aquí vos deixamos algunhas das claves do documento.

Canto duran as miñas xornadas de traballo?

Cun contrato a xornada completa, traballas 1742 horas ao ano, ou o que é o mesmo, 38 horas e 30 minutos á semana. Se a túa xornada é irregular podes traballar máis unha semana e menos a seguinte, pero nunca se poden superar as 50 horas semanais como tempo de traballo efectivo.

Descansos e vacacións

Os descansos desfrutaranse, preferentemente, os sábados e domingos. En todo caso, o convenio establece dous días de descanso por cada cinco de traballo efectivo (é dicir, dous días de descanso en cada sete días naturais de contrato). E, en canto ás vacacións, non hai sorpresas: tes dereito a 30 días naturais de vacas.

Se traballas de xeito eventual, como é habitual neste sector, moitas veces desfrutarás dos descansos e, sobre todo, das vacacións, unha vez rematado o teu tempo de traballo efectivo. Ten en conta que, aproximadamente, por cada 12 días de contrato tes dereito a un día de vacacións, e se non o desfrutaches no seu momento deberías cobralo coa finalización de contrato.

Que complementos podo desfrutar?

Hai varios. Coma no convenio anterior, existe un que invalida aos outros. E tamén hai un complemento novo:

  • Complemento de festividade e descanso semanal obrigatorio. Se traballas en día festivo ou nos días do teu descanso semanal, tes dereito a un incremento do 40% do teu salario base e a desfrutar dun descanso compensatorio.
  • Complemento de nocturnidade. Se che toca currar entre as 22 horas e as 6 horas da mañá do día seguinte o incremento do teu salario base ten que ser do 15%.
  • Complemento de responsabilidade. Se es moni e cobras como moni, pero tes a 5 monitoras ou monitores máis ao teu cargo, tes dereito a este complemento. E se es unha persoa traballadora que estás facendo tarefas que non son propias da túa categoría profesional, tamén o tes. O incremento do salario base é, neste caso, do 10%.
  • Complemento de dispoñibilidade. O complemento trampa! Está pensado para aquelas persoas que traballan en campas é similares, é dicir, aquelas que teñen unha dispoñibilidade de 24 horas. É do 10% sobre o salario base. Pero é incompatible –e velaquí a trampa- co de nocturnidade e co de festividade e descanso semanal obrigatorio, que non se aplicarían.
  • Complemento de dedicación. A gran novidade deste ano! Dá conta dunha realidade do noso sector: que antes do traballo efectivo, as máis das veces, hai que preparar cousas. Cubre os tempos de preparación, avaliación, programación e reunións. É un complemento que afecta só a algunhas categorías profesionais –entre elas, a de monitor ou monitora- e é de 435,48 euros ao ano. Con todo, non será de aplicación para tódalas persoas que traballen este verán como monis. Se é o teu caso, contámosche como vai isto da entrada en vigor máis abaixo.

Canto teño que cobrar?

Como boas galegas, imos responderche aquí que depende. Hai tres táboas salariais, que che deixamos a continuación.

Táboa A. Para o ano 2021 e ata setembro do 2022, afecta aos salarios das persoas traballadoras que presten servizos en actividades organizadas ou subvencionadas polas administracións públicas cuxos expedientes de contratación se iniciasen despois de que o convenio se publicase no BOE, é dicir, despois do 22 de marzo deste ano 2021.

Táboa B. Para o ano 2021 e ata setembro do 2022, afecta, de xeito xeral, aos salarios de tódalas demais persoas ás que lles aplica este convenio. Esta é a táboa á que debes mirar se traballas, por exemplo, na Campaña de Verán da Xunta de Galicia.

Táboa C. Dende o 1 de outubro do 2022 está será a táboa de aplicación para todo o mundo.

Hai excepcións e letra pequena, se estás nun caso así, entra e revisa o artigo 44 e seguintes do convenio!

A cantas pagas mensuais teño dereito nun ano?

A 14. As 12 ordinarias máis 2 extraordinarias. Moitas veces a entidade que te contrata, se ti estás de acordo, prorratea -isto é, reparte– as pagas extraordinarias nas 12 mensualidades ordinarias. Para coñecer canto che toca neste reparto, podes dividir o salario anual entre 14 en lugar de 12 e así saberás o salario mensual cas prorratas.

Cando teño que cobrar?

Con carácter xeral, entre o día 30 do mes vencido e o día 5 do mes seguinte. Ollo, tes dereito a un interese por mora do salario: o 10% anual do endebedado.

Sabemos que da letra á realidade hai un mundo, así que a continuación che deixamos unha táboa de cálculos salariais para que poidas calcular canto vas cobrar se traballas este verán baixo o convenio do ocio educativo. A calculadora está pensada de xeito específico para a Campaña de verán da Xunta de Galicia, ou calquera outra actividade pública cuxo procedemento de contratación comezara antes do 22 de marzo, utilizando polo tanto a táboa B do novo convenio.

Por suposto, tómao con moita distancia: trátase de cifras orientativas, hai moitas cousiñas que poden variar e que farían que tamén cambiase o salario que percibirías. Aínda con estas reservas, agardamos que che sexa útil!