Slide
Artigos e
Achegas

O Conto do Capital Social

Esta é a historia de Pepe, Rosa e Mariña, tres amigas de toda a vida. As tres remataran xa os seus estudos e, descontentas con como funcionan a maioría de empresas, poñendo sempre os cartos por diante, decidiron xuntarse para formar unha cooperativa.

A Pepe encantáballe a costura, Rosa era moi seguidora do mundo da moda, e Mariña era unha persoa moi social á que lle encantaba tratar coa xente. Decidiron que o que realmente lles motivaba era abrir unha tenda de roupa artesanal, feita por elas mesmas. 

Sentáronse a pensar que necesitaban para abrir a súa tenda e déronse conta de que eran bastantes cousas: máquinas de coser, escaparates, perchas, carteis, un mostrador… e bueno, a propia tenda! Entre as tres, tiñan que xuntar suficientes cartos para poder comezar, sabendo que despois poderían recuperalos en canto comezaran a vender.

– Se cada unha de nós pon 400 euros, será suficiente para comezar – dixo Rosa.

 

Rosa non tiña ningún problema, xa que tiña cartos aforrados do que fora gañando nos últimos anos, e ao tratarse dun investimento, era un bo momento para utilizalos. 

Pepe non tiña tanta sorte. Ao chegar a casa comprobou os seus aforros e non lle chegaban os cartos. Á hora da cea, compartiu o problema coa súa familia.

– Non te preocupes, Pepe – dixo a súa nai.- Eu teño algúns cartos gardados e non me importa deixarchos para isto, sempre que logo mos devolvas.

– En serio? – dixo Pepe bastante conteno.

– Claro! 

Ao día seguinte, Pepe, Rosa e Mariña volvéronse xuntar para ver se tiñan xa os cartos. Pepe e Rosa si que os tiñan, pero Mariña nese momento botou a chorar.

– Síntoo moito, pero non sei se vou poder participar disto! Eu non teño 400 euros, e a miña familia está pasando por un momento difícil e non quero pedirllos porque para elas van ser moitos cartos.

 

Rosa e Pepe miráronse un segundo, e Rosa inmediatamente contestou.

– Tranquila Mariña! Se somos un equipo, somos un equipo, e non vas quedar fóra por iso. Non te preocupes. Se Pepe e máis eu poñemos cada un 200 € máis, xa está! En canto abramos a tenda, recuperaremos eses cartos e logo xa estaremos as tres igual – dixo cun sorriso.

– Si – engadiu Pepe,- o importante é que sigamos as tres unidas e esteamos ben. O dos cartos é un tema bastante feo, pero sempre ten solución. Cada quen ten a súa situación na casa, e é normal que se alguén non pode achegar, quen teña máis poda cubrir unha parte.

Mariña parou de chorar e, contenta, agradeceuno moito.

Así, xuntaron os cartos que precisaban e fixeron a compra do material.

Ás poucas semanas, a tenda estaba aberta e comezaron a recibir aos seus clientes con todo o cariño do mundo. A tenda seguiu aberta durante moitos anos e Pepe, Rosa e Mariña seguen a ser grandes amigos.