Slide
Artigos e
Achegas

O apaixonante mundo do cooperativismo

Hai anos só podíamos dicir que isto do cooperativismo “soaba ben”. Parecíanos que ía co noso “roio” e coa nosa forma de ver o mundo. E pouco máis. Da concepción xenérica deste modelo empresarial, afortunadamente, xa choveu, e agora podemos dicir con orgullo que traballamos nunha cooperativa, e ademais nunha sen ánimo de lucro. Aínda molestamos de vez en cando ás nosas queridas amigas de EspazoCoop con algún whatsapp furtivo, pero imos entendendo pouco a pouco que supón todo isto.

*[Spoiler alert! EspazoCoop: unión de cooperativas de ámbito galego].

Se queredes seguir lendo, intentaremos contárvolo!

Non, non somos unha asociación.

De verdade que non. Son modelos diferentes. Somos tan diferentes que nin sequera temos tesoureiro. Flipade. Nós somos unha cooperativa de traballo asociado. As persoas que a conformamos xuntámonos para traballar, producindo en común bens e servizos para outras. Pero hai moitas clases de cooperativas diferentes.

Iso si, unha característica común das cooperativas é que a xestión da empresa depende por enteiro das persoas socias. Fronte a outros modelos, ademais, os dereitos políticos non derivan da capacidade económica. É dicir, se, para entrar na cooperativa, unha persoa achega máis cartos ca outra, o seu voto na asemblea conta o mesmo. Isto parécenos tan significativo…!

Si, podemos ser unha empresa e non ter ánimo de lucro. 

Coidado que se vén o debate! Sabemos que esta realidade non é común. Na práctica, supón que temos un límite salarial establecido por lei e que non podemos repartirnos o que se chama “retorno cooperativo”, pois os cartos que fagamos volven outra vez á cooperativa.

Para nós é importante carecer de ánimo de lucro para poñer o foco na utilidade social da cooperativa. Aspiramos a vivir con dignidade do noso traballo, si, pero, sobre todo, queremos facer fincapé nas sementes de transformación social que buscamos deixar coa nosa actividade.

A nosa organización é democrática, iso non significa que para mercar uns bolígrafos decidamos entre todas a marca.

Algún conflitiño pola desaparición masiva de bolígrafos tivemos, pero esa é outra historia. O certo é que non estamos todas en todo. O funcionamento democrático da cooperativa bebe da Lei de Cooperativas de Galicia. Logo, cada coope constrúe ao seu xeito.

O Consello Reitor é o órgano de goberno, xestión e representación das cooperativas, e ten moitas funcións atribuídas que permiten que a asemblea non teña que estar reuníndose día si e día tamén. Agora ben, no noso caso, as decisións estratéxicas tomámolas entre todas, pero cobran moito protagonismo, tamén, as áreas de traballo e os diferentes proxectos. Moitas decisións tómanse, así, en petit comité.  E ben está. Sempre podemos revisalas se alguén o demanda.

Chegados a este punto… Demos en Aventeira coa fórmula máxica que permita tomar decisións de xeito áxil, cunha participación totalmente igualitaria e tendo todas toda a información? Pois non, a verdade é que non. Pero prometemos que probamos moitos sistemas e que estamos aí, coa utopía na mirada e na práctica constante!

white-paper-dolls-circle

 

Traballar en cooperativa supón ser quen de abrazar o conflito? Ben, unha miga si.

O conflito é natural, sen el non habería cambio social. Nunha cooperativa, como en calquera grupo, haberá diversidade e, se queremos permanecer unidas, a xestión da diversidade é unha necesidade que sempre está presente. Mirar para outro lado, empregar violencias, impoñerse… Non é unha opción nunha entidade con funcionamento democrático, así que toca sentarse, falar e tratar de transformar o conflito de xeito positivo.

Dicíanos unha amiga doutra coope que, dende que a creara, nunca estivera tan feliz e tampouco nunca chorara tanto. Para traballar nunha cooperativa hai que ser quen de adaptarse ás demais, asumir erros e facer cambios persoais. Moitas veces, logo de enfrontar dificultades grandes, dicimos aquilo de: “eh, e todo o que aprendemos?”. Vamos, que está xenial, que é posible e que nos dá moitas ferramentas para a vida!

Pódese ter valores e sobrevivir na economía de mercado… Se estás aberta a debater moito e a sufrir un pouquiño.

O mundo non é como nos gustaría e crear unha cooperativa, non nos enganemos, obríganos a desenvolvernos nun sistema económico, social e político competitivo. Nalgúns momentos marchamos para a cama pensando se o que facemos reforza o que queremos cambiar, se “parchea”, se estamos en realidade cooptados pola estrutura… Pero como iso de estar “tranquilo, majete, en tu sillón” nunca nos foi, ter esta cuestión sempre presente é, para nós, o importante.

Cada actividade que facemos pasa por unha análise de valores e obxectivos. Preguntámonos, en cada paso, “para que”. E se hai dúbidas con algo, se cremos que non é o noso, se pensamos que pode facer dano, queda no tinteiro.

Interqué?

Temos que confesar que dos principios cooperativos, a intercooperación, isto é, a cooperación entre cooperativas, é do que máis nos agradou cando comezamos a mergullarnos neste eido. Hai moita xente bonita nas cooperativas galegas facendo cousas marabillosas. Compartimos valores e perspectivas e, sempre que precisamos algo, aí están, cun sorriso, para botar unha man. Queda moito por explorar neste tema e temos moitas gañas de seguir facéndoo.

E se me gusta… Como fago?

Non somos fans da idea de “sé o traballador de ti mesmo, emprende!” como a panacea que a linguaxe neoliberal nos trae a miúdo. Pero si pensamos que o emprendemento social é unha boa alternativa á explotación que vivimos moitas veces como traballadores e traballadoras, útil para quedarnos no territorio e para vivir facendo o que nos gusta e co que contribuímos ao benestar colectivo.

E para comezar, “é ben” preguntar! EspazoCoop é unha unión de cooperativas que axuda e guía a quen ten un proxecto. Tamén conta con formacións específicas (nós cursamos unha hai tres anos e… aquí nos tedes!). Outro recurso moi interesante son as axudas APROL, da Xunta de Galicia, que serven para financiar a creación do emprego cooperativo e sen as cales, probablemente, non estaríamos aquí.

Para saber máis?

Na web de EspazoCoop, que vos deixamos arriba e podedes atopar tamén en «Enlaces de interese», hai moita información! E tedes algunhas guías moi interesantes. Nós pouco podemos facer máis que sentarnos a tomar algo, para contarnos e filosofar. E estamos ben dispostas, ollo!