Slide
Artigos e
Achegas

Tendendo pontes coa Illa de San Simón

En 1870 un explorador francés chamado Hyppolyte Margen recala na Ría de Vigo co reto de rescatar uns galeóns afundidos. Os pecios, pertencentes á chamada Frota de Indias, ficaban no fondo mariño da Enseada de San Simón dende un século e medio atrás, tras partir dende A Habana con 108 millóns de pezas de prata, ouro e outras mercancías do Novo Mundo

Quizais, a expedición comandada polo francés, quería realmente comprobar sobre o terreo se o popularmente coñecido como o “Tesouro da batalla de Rande”, era soamente unha lenda.

A misión é considerada como a primeira intervención arqueolóxica submarina da historia e empregou tecnoloxía punteira para a época, como foron as lámpadas eléctricas ou os respiradores, capaces ambos de funcionar baixo o mar.

Pero ditos avances só foron quen de constatar algo xa sabido, que a auténtica riqueza dos fondos mariños da Ría é a súa biodiversidade excepcional.

Desgraciadamente para Hyppolyte Margen , o tesouro de Rande soamente foi atopado na ficción polos mergulladores do Nautilus, o que permitiu ao Capitán Nemo sucar 20.000 leguas de viaxe submarina da man de Xulio Verne, quen se inspirou na expedición do francés para moitos aspectos da súa obra.

Cento cincuenta anos despois voltou a inspiración:  afundirse de novo no pasado da Enseada de San Simón, intervindo no presente das súas illas co fin de construír un futuro que conserve o espazo, a memoria do lugar e das súas xentes.

Foi así como no pasado mes de agosto tivemos a ledicia de cooperar con numerosas persoas e entidades para conxuntamente facer realidade o primeiro “Campo de Voluntariado Illa de San Simón”.

Un Campo de voluntariado podería definirse como unha convivencia de mozos e mozas  que constitúen un grupo de traballo, guiado por monitores e outras profesionais, co fin de realizar un labor social e compartir momentos de lecer educativo que desemboquen nun beneficio na sociedade local e no seu propio crecemento persoal.

Durante 12 días unha decena de voluntarios e voluntarias chegados de Galicia e doutros puntos na Península, cooperaron coa veciñanza e tecido asociativo do lugar para tender pontes coa Illa de San Simón (Redondela).

Este proxecto de voluntariado persegue achegar a Illa ás xentes da contorna, amosando por una banda os claro escuros da súa historia, e por outro as grandes posibilidades do seu presente como espazo de goce e creación cultural aberto á cidadanía.  

Todo elo co fin de conectar de novo a estas persoas co sentimento de pertenza ao seu  lugar, algo deteriorado no presente, froito de moitos anos de relacións económicas, sociais, culturais e políticas entre a Illa e a veciñanza.

O Campo busca tamén intervir no propio espazo, realizando labores de apoio á conservación das Illas de San Simón e de Santo Antón, recoñecidas como Ben de Interese Cultural e pertencentes á Rede Natura 2000.

Para acadar estes obxectivos a equipa de voluntariado desenvolveu durante a súa convivencia múltiples accións.

A principal intervención do Campo foi a de idear e planificar integramente unha actividade interpretativa da historia da Illa, con miras a facer partícipe dela á veciñanza e atraela ao conxunto.

Para o seu deseño foi requirido un traballo de documentación e preparación previo, onde se misturaron espazos de investigación e reflexión histórica sobre o rico pasado da illa con obradoiros de dramatización e expresión corporal. O resultado foi a realización dunha actividade lúdico-educativa onde, a través da teatralización, a equipa de voluntariado deu “vida” e voz a diversas personaxes que habitaron o lugar.

E así, durante varios días, os veciños e veciñas embarcados dende Concellos da contorna puideron “viaxar ao pasado”, descubrindo dun xeito atractivo os diversos papeis que xogaron as illas ao longo da súa dilatada historia.

Entre outras personaxes, as asistentes coñeceron de primeira man ao trobador Mendiño, aos monxes franciscanos, ao pirata Francis Drake ou ás “Madriñas” dos presos do penal franquista, que actuaron como testemuñas singulares dunha Illa marcada por unha historia chea de traxedias e avatares marítimos, de idílicas referencias literarias na poesía medieval, de incerteza naquel lazareto para doentes infecciosos ou de escuridade e represión no cárcere do réxime ditatorial do 36. Partindo do rigor histórico e dunha interiorizada responsabilidade de chamar á reflexión e ao respecto pola memoria histórica do lugar.

Nesta viaxe houbo tempo tamén para deterse no presente e facer un chamamento á poboación e tecido asociativo local, co fin de que estes sexan quen de habitar e facer seu este inigualable centro da cultura galega, motivando así á organización de actividades culturais, educativas e socio-deportivas no futuro próximo.

En todos os chanzos da realización desta actividade contouse co asesoramento experto de Soledad Chayán, veciña de Redondela, guía oficial membro da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia e declarada namorada do conxunto destas illas.

Neste propósito de tecer lazos entre a illa e a súa contorna, as voluntarias non soamente foron anfitrioas da veciñanza, poñendo en valor o seu entorno tan próximo e afastado á vez, se non que tamén tiveron a oportunidade de converterse en invitadas desta.

Da man dos veciños e veciñas dos arredores puidemos coñecer os usos e costumes  da zona, navegando nunha traiñeira de competición grazas á colaboración do Clube de Remo do Circulo cultural e deportivo de Cesantes ou iniciándonos na faena nocturna do “arte do xeito” da man da Asociación cultural de mulleres e homes do mar de Cesantes.

 

Por outra banda a diversidade de manifestacións artísticas e naturais vinculadas coa Illa, permitiunos empaparnos dos sons e bailes tradicionais galegos coa axuda das músicas profesionais Leticia Rodríguez e Marina Fernández, como tamén deleitar os sentidos cun obradoiro de cosmética natural impartido por Sandra Otero.

Asemade adicouse tempo e esforzo a coidar o marabilloso escenario que nos acolleu durante estes días, realizando un apoio ás labores de conservación dos conxuntos artísticos deste Ben de Interese Cultural, no inventariado do seu especializado fondo bibliográfico e na limpeza das súas marxes mariños.

Este ilusiónante proxecto contou co apoio institucional e económico da Dirección Xeral de Xuventude, da Secretaría Xeral de Cultura e do Concello de Soutomaior.

Mención a parte merece a forte implicación, iniciativa e boa actitude de todos e todas as participantes do Campo, que fixeron deste espazo de participación social unha deliciosa aventura.

Un proxecto ilusiónante que agarda seguir navegando por moitos anos, sumando esforzos e apoios, podendo percorrer moitas leguas máis xunto a todos estes axentes implicados, facendo comunidade neste auténtico tesouro da Ría de Vigo.