Ser Cooperativa - Convivencia do Cooperativismo Galego
As cooperativas A Casa das Redes, Aventeira e Espazo Coop queremos convidarvos a participar nun encontro de intercooperación deseñado con moito agarimo.
/ O QUE É
Un espazo de convivencia e encontro entre cooperativas galegas: un tempo para coñecérmonos, compartir experiencias e frustracións, colaborar e intercambiar coñecementos.
/ POR QUE
Nos últimos anos xurdiron espazos de encontro e intercambio entre cooperativas, mais moitas veces quedan nun café, nunha foto, nunha conversa amable e pouco máis. Falta tempo, estrutura e coidado para que as relacións e as ideas compartidas se transformen en colaboracións reais.
Esta convivencia nace precisamente para ir un paso máis alá: crear un tempo e un lugar onde xurdan vínculos duradeiros, confianza mutua e proxectos que poidan seguir medrando despois do encontro.
/ PARA QUEN
Concibido para cooperativas galegas do eido da Educación Non Formal, no terreo dos tempos libres, as aulas, a cultura ou o turismo.
Están convidadas tanto as cooperativas xa consolidadas como as de nova e futura creación.
/ PARA QUE
- Poñérmonos cara, coñecer máis polo miúdo as entidades e servizos doutras, cultivar a confianza entre nós.
- Intercooperar, xerar alianzas, crear proxectos en común. Ofrecernos e demandarnos servizos.
- Intercambiar consellos para unha mellor xestión interna.
- Sentar as bases para unha rede cooperativa máis cohesionada, útil e con visión de futuro.
- Convivir, rir, celebrar e pasalo ben.
/ COMO SERÁ
A convivencia será un espazo de traballo informal, afastado dos formatos institucionais clásicos.
Combinaranse momentos de traballo colectivo (dinámicas e actividades en pequeno e gran grupo) con outros máis distendidos e de coñecemento da contorna do Courel.
Ademais, queremos organizar durante o encontro unha especie de banco do tempo cooperativo, no que cada entidade poida, se o desexa, compartir o que sabe facer: mini-obradoiros, xogos, dinámicas ou actividades abertas ao grupo. Un xeito práctico, divertido e horizontal de coñecérmonos e aprender xuntas.
/ CANDO É
Fin de semana do 22 e 23 de novembro de 2025.
Chegada o sábado pola mañá e remate o domingo ao mediodía.
As persoas que veñan de máis lonxe poderán chegar o venres 21 pola tarde.
/ CANTO CUSTA
Pídese unha achega de 20€ para cubrir os gastos de manutención.
O transporte corre a cargo das persoas participantes, mais coordinarémonos para viaxar conxuntamente en tren ou compartindo coche.
/ ONDE
No Xeocámping Montañas do Courel (Ribas de Sil, Lugo).
Xestionado por Aventeira S. Coop. Galega.
/ CANTAS SEREMOS
A convivencia contará cun aforo máximo de 25 persoas.
O Xeocámping ofrecerá:
- 16 prazas en bungalós (habitacións dobres).
- 9 parcelas para furgonetas, caravanas ou tendas de campaña.
Xa que o aforo é limitado, e co fin de que o maior número de entidades estean representadas, ofrecerase 1 praza* por cooperativa convidada.
*Para as asistentes que viaxen en furgoneta compartida, o límite poderá ser máis flexible. Podendo asistir máis dunha persoa da mesma cooperativa.
/ QUEN ORGANIZA
Un encontro para a intercooperación non podería nacer doutro xeito que dende a intercooperación.
A Casa das Redes, Aventeira e Espazo Coop, a través do seu “Programa de Intercooperación”, únense para facer realidade esta convivencia.
A actividade conta co apoio financieiro da Rede Eusumo e de CEPES (Confederación Empresarial Española de la Economía Social) no marco do programa “Aventeira 360: un plan sostible para a consolidación”, financiado polo Fondo Social Europeo (FSE).
/ COMO INSCRIBIRSE
1. Cobre o formulario de inscrición.
2. Fai a achega de 20 euros destinada aos gastos de manutención.
- Aventeira S. Coop. Galega: ES61 1491 0001 26 3000111277 (Triodos Bank)
3. Manda un e-mail coa confirmación a sercooperativaconvivencia@gmail.com.
/ ONDE ATOPAR +INFO.
E-mail: sercooperativaconvivencia@gmail.com (Dámaris e Rubén)
Teléfono: 722 349 489 (Rubén)
/ QUEN APOIA