Slide
Ocio
Alternativo

U-lo Xurxo?

Os socios e socias de Aventeira estamos moi preocupadas…

Un amigo noso, Xurxo Crespo, ía facer o camiño de Santiago o ano pasado. Como viña de bastante lonxe e tiña moito trato con nós, quedou en virnos visitar cando rematara… Pero nunca se puxo en contacto.

As últimas novas que temos del son que pensaba aloxarse en Silleda, no hostal Carmela, a noite do 21 de febreiro de 2020, pero a xente do hostal nos confirma que nunca chegou alí. Seguramente eles teñan máis información ca nós.

Por agora o que nos urxe é saber onde pasou o serán ese día 21. Pode que a partir de aí poidamos continuar a investigación con máis datos.

way-of-st-james

Se nos queres botar unha man, por favor, comeza por poñerte en contacto co hostal por correo electrónico. Non esquezas comentar que vas da nosa parte. 

Para evitar que o correo do hostal se vexa cheo de bots, deixámosvos a dirección da súa páxina web en código:

8-14-18-19-1-10-3-1-17-11-5-10-1-.-W-14-17-4-15-17-5-18-18-.-3-14-11

Ten en conta que o código está en galego!

Agardamos que coa túa axuda logremos atopar a Xurxo antes de que lle pase calquera cousa.

Ánimo!

U-lo Xurxo? é un xogo de investigación e pistas, tipo Escape Room online. Ao longo do xogo percorrerás diferentes puntos de Galicia ao tempo que lle vas seguindo a pista ao noso querido Xurxo Crespo.

Recomendamos xogar en equipo, utilizando algunha ferramenta de comunicación online, aínda que non é imprescindible. Tede en conta que non toda a información está na web, senón que como boas investigadoras teredes que recorrer varios espazos de Internet, redes sociais, etc.

Se vos quedades atascadas nalgún punto, recapitulade toda a información que conseguistes ata o momento, será de gran axuda. Tamén, se é necesario, podedes facer uso das pistas que aparecen máis abaixo nesta mesma páxina. Non baixedes se non queredes ningún tipo de pista, xa que os títulos vos poderían dar algo de información.

Cando teñades a solución podedes comprobalo neste formulario.

Sorte e agardamos que vos guste!

Este é o listado de pistas. Para unha mellor experiencia recomendamos que non as abras salvo que leves moito tempo atascado nun punto. Ánimo e sorte!

Lembra que tes que poñerte en contacto co hostal por correo electrónico. Podes atopar o correo na súa páxina web.

Se miras ben a mensaxe de Buquin, verás que fala da terceira etapa dunha guía… Onde terá Xurxo esta guía tan importante?

Xurxo faloulle ao hostal dun coche… Se localizamos ao propietario dese coche en particular seguramente poidamos avanzar.

Sabemos que Carreira vive onda unha estación e que a estación ten un grafitti… Que ademais xa vimos antes noutro sitio 😉 O significado do grafiti está neste outro lugar, se non podes acceder, podes recorrer á seguinte pista.

Se non tes conta de IG, só podes acceder ao código do grafiti facendo clic dereito na imaxe e seleccionando “Abrir noutra xanela”. Pero tampouco fai falta que te compliques, aquí está o código: O↑=A, Z=U, G=D, E=R, O↓=S

Xurxo non chegou con moito tempo a coller o tren. Se comprobamos os horarios, poderemos saber que tren era… E incluso onde se baixou!

E agora que? Teremos que lembrar a un dos ídolos de Xurxo para ver que raio estaba a facer aquela tarde.

Para que o formulario acepte a resposta final, hai que introducir o nome do local onde Xurxo pasou o serán.