Que é isto do Veraneo Xove?

O Veraneo Xove é unha oportunidade para escapar da rutina do día a día e vivir unha experiencia de convivencia na contorna natural. Está destinado a mozos e mozas de entre 18 e 25 anos.

 

Levamos moitos meses de pechamento, de diálogo a través da pantalla e de malas novas. O Veraneo Xove promove a desconexión do mundo dixital e a estancia durante catro días nun entorno rural, pretiño de lugares únicos que visitar e con rutas e praias ben cerquiña.

 

Mentres festis e festas van botando o cartaz de pechado, o Veraneo Xove é un xeito de coñecer xente nova, convivir nun lugar distinto establecendo unhas pautas comúns e facer actividades diferentes ás que constitúen a rutina do día a día.

Que actividades faremos?

De todo!

  • Desfrutaremos de actividades náuticas e de aventura, como a iniciación ao surf, o kaiak ou roteiros, ademais de desfrutar da piscina.
  • Descubriremos a contorna a través de actividades de exploración do medio natural e visitaremos as praias dos arredores.
  • Coñeceremos aos nosos compañeiros e compañeiras a través de veladas, actividades de cohesión e distensión e grandes xogos ambientados.

Cóntame máis!

Datas e lugar

Do martes 1 ao venres 4 de setembro no incrible espazo do Camping das Sisargas, en Malpica, un camping que conta con piscina, sala de xogos e un amplo espazo aberto, ademais dos servizos básicos de aseo e toma de luz.

Horario

A actividade comezará o luns ás 11:00 da mañá e rematará o xoves ás 14:00.

Manutención e pernocta

Está incluído no prezo o almorzo, o xantar e a cea. A primeira comida incluída é o xantar do luns, día 6 e, a última, o almorzo do xoves, 9. A pernocta terá lugar en tendas de campaña. Tamén está incluída.

Prezo

230 euros por persoa.

Inscrición e prazas

O límite de inscrición é o luns, 10 de agosto. Bule, que as prazas son limitadas!

Participantes

Mozos e mozas de entre 18 e 25 anos.

Que valores imos atopar detrás desta experiencia?

Esta experiencia nace do esforzo intercooperativo de Sisargas S. Coop. e Aventeira S. Coop. As dúas entidades desenvolvemos a nosa actividade dende o compromiso cunha serie de valores:

Sisargas S. Coop. son unha cooperativa cuxo obxetivo é promover un turismo rural sostible, fomentando prácticas turísticas respetuosas co medioambiente e a cultura local, que supoñan un impacto positivo sobre o tecido e a economía social da comarca. Apostan pola horizontalidade, transparencia e igualdade na súa xestión interna.

Aventeira S. Coop. somos unha cooperativa sen ánimo de lucro que cremos no tempo libre como a contorna perfecta para a educación en valores, a convivencia e o cremento persoal e colectivo. Buscamos construír un mundo mellor a través das nosas actividades e queremos achegar alternativas de ocio a tódalas persoas. Cremos na creación colectiva, no diálogo e nos consensos, poñendo sempre ás persoas por diante.



Aventeira Cooperativa de Educación e Lecer

Quero anotarme xa! Como fago?

  1. Cobre o formulario.
  2. Ingresa 100 euros en concepto de reserva de praza na conta de Triodos ES61 1491 0001 2630 0011 1277. Concepto: “Veraneo” seguido do teu nome. Esta cantidade non é reembolsable no caso de que te deas de baixa durante o proceso (é a cantidade que asegura a viabilidade da celebración da actividade!). Descontaráseche do prezo total ao realizar nun segundo pago e si se reembolsará na súa totalidade no caso de que non se puidese realizar o programa porque non se cubriran as prazas mínimas.
  3. Envía o resgardo do ingreso ou da transferencia na conta ao correo [email protected], poñendo no asunto a palabra “Veraneo”.

Poñerémonos en contacto contigo a través de correo electrónico dúas veces. Unha primeira para confirmar a recepción da reserva e do pago, e unha segunda para confirmar a celebración do Veraneo Xove, informar dos prazos para realizar o resto do pago e darche algunha  información práctica.

Agardámoste!

Preguntas Habituais

Que comidas están incluídas?

O almorzo, o xantar de picnic e a cea están incluídos no prezo. O almorzo inclúe bebida ou café, tostadas e muesli ou bollería. O xantar de picnic inclúe bocadillo, auga ou zume e unha peza de froita. A cea inclúe a bebida. Se te mola picar entre horas ou facer algunha merendola, podes traerte algún snack da casa.

Que teño que traer?

Saco e esterilla para durmir, roupa de abrigo para as noites, chuvasqueiro, zapato impermeable e cómodo para camiñar, bañador, toalla, crema solar, útiles de aseo, lanterna, etc.

Ademais, para poder garantir a prevención de contaxios de Covid-19 no caso de que nalgún momento non poidamos manter a distancia de seguridade, cada participante debe traer máscara (unha ou varias no caso de que sexan desbotables).

Teño que traer a miña propia tenda?

Non é necesario! Nós levaremos tendas para todas e todos. Seguindo as medidas para o desenvolvemento de actividades de ocio educativo adaptadas á situación derivada da crise sanitaria do Covid-19, levaremos tendas con catro prazas para que durmades dúas persoas por tenda.

De tódolos xeitos, se tes a túa propia tenda e queres traela, avísanos! E, se convives con outros participantes no teu día a día, tamén poderedes compartir a tenda aínda que sexades máis de dúas persoas (pero lembra facérnolo saber!).

Teño que ter coche para ir ás diferentes actividades?

Tampouco é necesario. Iremos á maioría dos espazos a pé e, para as actividades que se realizan máis lonxe, moverémonos en autobús.

Aínda me quedan dúbidas, quero máis información!

Chama sen dubidalo aos teléfonos 722 349 493 e 722 349 497 ou escribe ao correo electrónico [email protected] poñendo no asunto a palabra Veraneo