Contacto
Unha ruta participativa para o tempo libre en Galicia

En colaboración co Programa Erasmus + desenvolvemos o proxecto Unha ruta participativa para o tempo libre en Galicia. Esta iniciativa busca impulsar a participación activa da mocidade na vida democrática, a través da xeración dun diálogo aberto para definir as políticas públicas de educación no tempo libre en Galicia.

Paso a paso

Crearase un grupo promotor de persoas mozas que establecerán as metodoloxías, comunicacións e temas prioritarios para recoller as primeiras demandas da mocidade. 

Están destinados a recoller as opinións, ideas, necesidades e perspectivas de persoas participantes, de máis de 14 anos, en actividades de educación non formal e tempo libre. Estarán facilitadas a través de dinámicas, xogos e metodoloxías participativas que favorezan a participación activa da mocidade. Compoñeranse dun mínimo de dúas actividades en colectivos asociativos e dúas actividades en centros educativos.

Destinados a recoller as opinions, ideas, necesidades e perspectivas das persoas traballadoras e voluntarias novas do tempo libre. Inclúen a interacción con responsables técnicos e/o políticos das administracións públicas. Estarán facilitados a través de dinámicas e metodoloxías participativas que favorezan a participación activa da mocidade. 

Unha fin de semana de foro para a interacción entre todos os axentes (mocidade, persoal técnico, empresas, persoas técnicas históricas ou actuais e decisores políticos de diferentes ámbitos territoriais), facilitada con agarimo, permitirá formar, falar, debater, enmarcar e soñar xuntas a todas as persoas para seguir construíndo un tempo libre máis inclusivo e participativo. 

A mocidade será a protagonista da diseminación de resultados en distintos territorios e espazos. Ademais, estes publicaranse e enviaranse a todas as entidades públicas do país e demais actores do sector. 

Formulario aberto

Traslada as túas perspectivas directamente dende a casa, sumándoas ao proceso.

Eventos de participación

Catro espazos provinciais de encontro entre as diferentes axentes do tempo libre.

Encontro de Tempo Libre de Galicia

Evento final, de fin de semana, no que aprender, compartir e dialogar.

Formulario aberto

Queremos escoitar a túa voz! Este formulario permitirá recoller a opinión das diferentes persoas participantes, voluntarias e profesionais que fan parte dos tempos libres nos seus diferentes ámbitos. Participando neste formulario, sumas a túa voz a un proceso participativo que rematará coa elaboración dunhas conclusións que se publicarán en aberto ao final do ano.

Eventos de participación

Son estes espazos onde a mocidade traballadora e voluntaria e o persoal técnico e político das administracións públicas poderán xuntarse para falar, debater e definir liñas comúns de vivencia e concepción das actividades de educación no tempo libre.

Tódolos eventos inclúen, de xeito gratuíto, o xantar, unha froitiña no descanso da mañá, o café da tarde e a actividade de lecer. Con todo, temos que solicitar o pago de 15 euros en concepto de reserva de praza, que nos permita contar coas persoas que se anoten e adiantar os gastos de manutención e da actividade de lecer. Este importe non será devolto no caso de darse de baixa durante o proceso, pois é o que nos permite a contratación de todas estas cuestións, pero si será ingresado de novo a tódalas persoas que asistan á actividade.

Crearemos un grupo de whatsapp uns días antes ao que te poderás unir para, se queres, compartir transporte en coche.

Evento de participación na provincia da Coruña

Terá lugar o día 20 de outubro na Casa de Préstamo Municipal de Bastiagueiro, en Oleiros. Os horarios serán os seguintes:

10:30-11:00 Chegada e coñecemento do grupo
11:00-11:30 Presentación
11:30-14:30 Faladoiros, con descanso
15:00-16:00 Xantar
16:30-18:30 Actividade de lecer: iniciación ao surf con Son do Mar (alternativa de xogos de mesa na praia)
18:30-20:00 Café de avaliación e peche

Evento de participación na provincia de Pontevedra

Terá lugar o día 26 de outubro na Casa da Mocidade de Moaña. Os horarios serán os seguintes:

10:30-11:00 Chegada e coñecemento do grupo
11:00-11:30 Presentación
11:30-14:30 Faladoiros, con descanso
15:00-16:00 Xantar
16:30-18:30 Actividade de lecer: iniciación aos deportes náuticos tradicionais: traíñas
18:30-20:00 Café de avaliación e peche

Evento de participación na provincia de Lugo

Terá lugar o día 9 de novembro na cidade de Lugo (espazo por confirmar). Os horarios serán os seguintes:

10:30-11:00 Chegada e coñecemento do grupo
11:00-11:30 Presentación
11:30-14:30 Faladoiros, con descanso
15:00-16:00 Xantar
16:30-18:30 Actividade de lecer: iniciación á escalada con MoveLab
18:30-20:00 Café de avaliación e peche

Evento de participación na provincia de Ourense

Terá lugar o día 16 de novembro no Espazo Xove de Ourense. Os horarios serán os seguintes:

10:30-11:00 Chegada e coñecemento do grupo
11:00-11:30 Presentación
11:30-14:30 Faladoiros, con descanso
15:00-16:00 Xantar
16:30-18:30 Actividade de lecer: xogo de escapismo
18:30-20:00 Café de avaliación e peche

Proceso de inscrición nos eventos

  1. Cobre o formulario
  2. Ingresa 15 euros en concepto de pago da fianza na conta de Triodos ES61 1491 0001 2630 0011 1277. Concepto: “Participación+Nome e apelidos”.
  3. Envía o resgardo do ingreso ou da transferencia na conta ao correo participacion.tempolibre@aventeira.com 

Poñerémonos en contacto contigo a través de correo electrónico tres veces. Unha primeira para confirmar a recepción da inscrición e do pago; unha segunda, uns días antes do evento, para darche algunha outra información práctica; e unha terceira, despois do evento, para avisarte da devolución da fianza ingresada.

As prazas son limitadas e atribuiranse por orde de inscrición. O prazo límite para anotarse é o luns previo a cada evento (inclusive).

Encontro de Tempo Libre de Galicia

Entre o 29 de novembro e o 1 de decembro do 2024 terá lugar o Encontro de Tempo Libre de Galicia, que se celebrará no Albergue Xuvenil As Sinas (Pontevedra)

Comezará o venres 29 ás 18:00 horas e rematará o domingo 1 de decembro ás 14:00 horas, estando tamén incluído o xantar do domingo, que terá lugar a esa hora para quen queira quedar. Nunhas semanas iremos publicando máis información relativa ás mesas de diálogo e ás actividades que incluirá.

En todo caso, neste encontro haberá espazo para a convivencia, a formación, o coñecemento de boas prácticas e, por suposto, para as mesas de diálogo que permitan o intercambio de ideas, a reflexión colectiva e a xeración de conclusións. 

Tódalas actividades, a manutención, o transporte e a pernocta están incluídos, sendo o encontro gratuíto, mais temos que solicitar o pago de 20 euros en concepto de reserva de praza, que nos permita contar coas persoas que se anoten e adiantar os gastos de manutención, pernocta e da actividade de lecer. Este importe non será devolto no caso de darse de baixa durante o proceso, pois é o que nos permite a contratación de todas estas cuestións, pero si será ingresado de novo a tódalas persoas que asistan á actividade.

Crearemos un grupo de whatsap uns días antes ao que te poderás unir para, se queres, compartir transporte en coche.

Proceso de inscrición no encontro

Nas próximas semanas deixaremos moita máis información, pero se queres ir anotándote ao evento, podes facelo! Velaquí as indicacións sobre como facelo:

  1. Cobre o formulario
  2. Ingresa 20 euros en concepto de pago da fianza na conta de Triodos ES61 1491 0001 2630 0011 1277. Concepto: “Participación+Nome e apelidos”.
  3. Envía o resgardo do ingreso ou da transferencia na conta ao correo participacion.tempolibre@aventeira.com

Poñerémonos en contacto contigo a través de correo electrónico tres veces. Unha primeira para confirmar a recepción da inscrición e do pago; unha segunda, uns días antes do encontro, para darche algunha outra información práctica; e unha terceira, despois do evento, para avisarte da devolución da fianza ingresada.

As prazas son limitadas e atribuiranse por orde de inscrición. O prazo límite para anotarse é o luns 18 de novembro (inclusive).

Definición das mesas de diálogo e dos faladoiros

Se queres contribuír a darlle forma ás mesas de diálogo agardamos a túa resposta neste outro formulario. Moitas grazas!

A participación no tempo libre

A participación cidadá constitúe un pilar fundamental no desenvolvemento da democracia. As diversas canles e mecanismos de participación fomentan unha colaboración estreita entre as institucións e a cidadanía, co fin de mellorar a gobernanza. Este proceso empodera á cidadanía, facéndoa protagonista e responsable das decisións que impactan nas súas vidas, o que á súa vez contribúe a elevar a calidade de vida da comunidade. Así mesmo, a participación fortalece a democracia representativa e contribúe á promoción dunha nova cultura política.

Entendemos a participación como un proceso cooperativo, inclusivo, transversal, continuo, escalable, planificado, transformador, coherente, corresponsable, distribuído e empoderador. Que desenvolve actitudes que implican autonomía, liberdade e responsabilidade e que está atravesada polo interese, a implicación, a escoita, o respecto, a confianza, o compromiso… Supón unha visión global e transversal polo ben común.

Neste contexto, o proxecto constitúe unha oportunidade para fortalecer o empoderamento xuvenil en Galicia, permitindo que persoas mozas inflúan no deseño de políticas e programas públicos relacionados co tempo libre. Desenvólvese en sintonía coa Estratexia de Participación Xuvenil de Erasmus+ e en conexión coa Estratexia da UE para a Mocidade e as Metas da Mocidade Europea. 

Achegas e suxestións

Para calquera achega ou cuestión sobre este proxecto, podes contactar connosco en: 

participacion.tempolibre@aventeira.com

Ademais, agradecemos moito que nos fagades chegar, pola mesma vía, as vosas ideas, suxestións e soños para adaptar o proxecto as necesidades e propostas da comunidade.